A Consellaría do Medio Rural promove as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), unha das medidas destinadas a crear explotacións viables e sustentables con proxección de futuro, da man dun modelo beneficioso para o sector, en termos tanto económicos como ambientais, que favorece a ordenación da superficie e a prevención de incendios no noso País.
Para a creación das Uxfor, fomentarase o asociacionismo de propietarios de montes cunha superficie contigua superior a 15 hectáreas.
As Uxfor disporán dun instrumento de xestión ao abeiro da Lei de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza. Este documento técnico permitirá crear espazos de maior tamaño que posibiliten aumentar a rendibilidade e o aproveitamento multifuncional da superficie forestal por parte de propietarios de pequenos predios.
Desenvolverán tamén a ordenación de usos, actuacións de silvicultura preventiva e reforzará as infraestruturas de defensa contra o lume. Con esta actuación, definiranse e integraranse sobre o territorio os diferentes plans de prevención e defensa contra o lume instruídos polas distintas administracións.
As Uxfor terán personalidade xurídica e rexeranse dun xeito
democrático de acordo cos seus estatutos. Contribuirán a divulgar
e a promover entre a poboación a xestión activa e o principio
de corresponsabilidade. Ademais, serán prioritarias nas axudas públicas
destinadas ao sector forestal.