Decreto 101/2008, do 30 de abril, polo que se regulan as unidades de xestión forestal en Galicia.
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os
incendios forestais de Galicia, establece no seu capítulo V do
título
III un sistema de reorganización da propiedade forestal que se
concreta en unidades de xestión forestal. Con este sistema trátase
de acadar, en consonancia coa devandita lei, unha mellor defensa contra
os incendios forestais, facilitando a ordenación dos montes e do
seu planeamento preventivo.
Consonte a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra
os incendios forestais de Galicia, este decreto concibe as unidades de
xestión forestal como as entidades a que se encomenda a ordenación
e xestión dos terreos forestais, coas cales se pretende obter un
mellor aproveitamento integral do monte que redunde no beneficio para
as persoas titulares do predio, pero tamén para a sociedade en
xeral. Ao concentrar a xestión de parcelas acádase un mellor
rendemento da explotación e evítase o risco de incendios
que se produce pola proliferación incontrolada de especies de alta
combustibilidade.
A creación das unidades de xestión forestal poderá ser
iniciada polas persoas propietarias que queiran pór en valor os
seus predios con criterios modernos de silvicultura e de sustentabilidade,
permitindo ao mesmo tempo a profesionalización das actividades
que decidan desenvolverse na súa superficie.
Así mesmo, as unidades de xestión forestal, ao seren un
instrumento previsto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención
e defensa contra incendios forestais de Galicia, poderán ser instadas
de oficio pola Administración, sempre que tal previsión
apareza no planeamento de defensa contra incendios forestais de distrito.
As unidades de xestión forestal estarán obrigadas a manter
un instrumento de xestión forestal específico, que permitirá a
todas as persoas propietarias beneficiarse das economías de escala
e dunha xestión profesionalizada.
A constitución dunha unidade de xestión forestal por iniciativa
das persoas propietarias interesadas farase sempre logo de proposta asinada
por elas, para constituír posteriormente unha comisión de
propietarios. Partirase na solicitude de constitución dun proxecto
de estatutos para a devandita entidade e dun proxecto de instrumento de
xestión forestal específico. Este instrumento tratará sobre
a xestión conxunta da superficie forestal, que sexa consensuada
polas persoas propietarias e que reflicta as súas expectativas
de uso, sempre que tecnicamente se poida xustificar.
A organización interna das persoas propietarias que integran a
unidade de xestión forestal, consonte o establecido na Lei 3/2007,
do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais
de Galicia, tradúcese nunha entidade cuxa composición aparecerá nos
seus estatutos, que, como mínimo, deberán prever unha asemblea
xeral e unha xunta reitora, con estrutura e funcionamento democráticos.
Os acordos adoptaranse coas maiorías que determinen os estatutos
da entidade de xestión, respectando as previsións contidas
ao respecto na devandita lei.
Respecto do instrumento de xestión forestal específico con
que se xestionará toda a superficie forestal contigua da unidade
de xestión forestal, lonxe de especificar unha instrución
detallada para a súa elaboración, trátase de que
poida ser elaborado cuns parámetros técnicos áxiles
e acordes cos obxectivos da unidade de xestión forestal, tendo
en conta os usos e as capacidades propias do lugar en que se asenta e
a súa obrigatoriedade para todas as persoas propietarias afectadas
por esa superficie contigua, sempre partindo da base da necesidade da
ordenación dos montes para conseguir unha axeitada defensa contra
os incendios forestais, o que redundará nunha mellor conservación
do ambiente e da seguranza das persoas e os seus bens, obxectivos que
benefician a toda a comunidade no seu conxunto.
As unidades de xestión forestal inscribiranse no Rexistro de unidades
de xestión forestal de Galicia, que se regula no capítulo
VI deste decreto.
En definitiva, coa articulación das unidades de xestión
forestal ponse en valor o monte galego, tanto no seu aspecto ambiental
como desde as perspectivas social e económica, dando cumprimento
e desenvolvendo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa
contra os incendios forestais de Galicia.
Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, en uso das atribucións
conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da
súa presidencia, oído o Consello Consultivo de Galicia,
consultadas as organizacións profesionais sectoriais interesadas
e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa
reunión do trinta de abril de dous mil oito,
DISPÓN:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
Este decreto ten por obxecto:
1. Establecer o réxime xurídico das unidades de xestión
forestal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia;
2. Regular a estrutura e o contido dos instrumentos de xestión forestal
específicos;
3. Crear o rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia.
Artigo 2º.-Definicións.
Para os efectos deste regulamento defínense os seguintes termos:
a) Unidade de xestión forestal: consonte o establecido no artigo 2.21º da
Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais
de Galicia, é a superficie forestal cunha extensión mínima
de 15 hectáreas que vén obrigada a manter un instrumento de xestión
forestal específico e unha rede de infraestruturas preventivas básicas,
e que será obxecto de priorización nas accións de fomento
forestal.
b) Terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas,
arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes
de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións
ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.
Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal
os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro,
de montes.
Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos
dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais
e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio
público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa
vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.
Non obstante, e para os únicos efectos do cumprimento das obrigas establecidas
na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios
forestais de Galicia, poderán ter a consideración de monte aquelas
superficies que estean clasificadas como terreo rústico de protección
agropecuaria que reúnan as características previstas no artigo
5.1º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, mentres subsista o
seu uso forestal.
c) Persoa propietaria forestal: a persoa titular dominical dun predio con terreo
forestal.
d) Planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais: o
planeamento para combater as emerxencias derivadas dos riscos de incendios
forestais de nivel autonómico, de distrito, municipal e inframunicipal previsto no capítulo
II do título II da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e
defensa contra os incendios forestais de Galicia.
e) Instrumento de xestión forestal específico: é o documento
que, desde o punto de vista técnico, regula a xestión da unidade
de xestión forestal e resulta de obrigado cumprimento para todas as persoas
propietarias afectadas pola superficie contigua dela. Conterá, como mínimo,
un plan técnico de xestión e un plan de defensa contra os incendios
forestais, e en función das concretas necesidades da unidade de xestión
forestal, poderá incluír outros plans específicos.
f) Rede de faixas de xestión de biomasa: o conxunto de parcelas lineais
do territorio estratexicamente localizadas, onde se garante o control e a eliminación
total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas
axeitadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.
g) Regularización de teselas: a normalización e definición
de determinadas superficies ou recintos con base en criterios que garantan a
defensa contra os incendios, o seu planeamento preventivo e a ordenación
dos montes por medio do instrumento de xestión forestal específico.
h) Reorganización da propiedade forestal: ordenación da xestión
da superficie forestal establecida para os efectos de garantir a defensa contra
os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu
planeamento preventivo. Esta reorganización poderá ser temporal,
consonte o que estableza o instrumento de xestión forestal específico.
i) Tesela: parcela forestal, consonte o establecido no artigo 2.24º da Lei
3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais
de Galicia.
Artigo 3º.-Obxectivos das unidades de xestión
forestal.
1. As unidades de xestión forestal teñen por finalidade a reorganización
da propiedade forestal para o efecto de garantir a defensa contra os incendios
forestais e facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo,
obrigándose a manter un instrumento de xestión forestal específico
e unha rede de infraestruturas preventivas básicas.
2. Son obxectivos específicos das unidades de xestión forestal:
a) Promover a xestión sustentable do espazo forestal no territorio da
Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Valorizar o uso forestal e facer viables os aproveitamentos forestais mediante
a reorganización das propiedades dos membros da unidade de xestión
forestal incluídas no seu perímetro.
c) Promover instrumentos prácticos que eviten o abandono das pequenas
propiedades forestais.
d) Promover ferramentas que potencien a posibilidade de xestión de pequenas
parcelas e que inclúan un planeamento de defensa do espazo rural contra
os incendios forestais.
e) Cohesionar territorialmente todo tipo de propiedades forestais integrándoas
nunha mesma xestión.
f) Facilitar a aplicación territorial das medidas máis axeitadas
para previr os incendios e loitar contra os lumes.
Artigo 4º.-Delimitación das unidades de xestión forestal.
1. A delimitación do perímetro das unidades de xestión
forestal respectará preferentemente as seguintes divisións territoriais:
a) Redes de faixas de xestión de biomasa.
b) Ríos, lagoas e encoros.
c) Cumios ou vales.
d) A organización administrativa territorial.
e) Outras unidades de xestión forestal estremeiras ou outras propiedades ou organizacións de titulares forestais que xestionen a súa superficie con criterios de xestión técnica análogos aos das unidades de xestión forestal e consonte a Lei 3/2007.
f) Terreos definidos nos plans de ordenación municipal ou nos plans de ordenación de recursos naturais con uso distinto ao forestal.
g) Os límites parroquiais ou os correspondentes nos procesos de concentración parcelaria.
2. As unidades de xestión forestal incluirán na súa superficie as parcelas de titulares descoñecidos que se encontren no seu perímetro e que na data da constitución da unidade de xestión forestal non estean incluídas noutra.Artigo 5º.-Obrigas documentais das unidades de xestión forestal.
As unidades de xestión forestal deberán levar os seguintes documentos:
a) Os estatutos da entidade de xestión.
b) O instrumento de xestión forestal específico.
c) O informe de investigación da propiedade.
d) O plano descritivo das propiedades e dos límites das unidades de xestión forestal.
e) O rexistro das persoas propietarias pertencentes ás unidades de xestión forestal.
f) O libro de rexistro en que se relacionan cronoloxicamente os labores desenvolvidos en aplicación dos plans.
g) Libros de actas da asemblea xeral e da xunta reitora.
h) Libros contables de conformidade co plan xeral de contabilidade ou co plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas.
i) As memorias anuais de xestión.
Capítulo II
Tramitación das unidades de xestión forestal
Sección I
Constitución, modificación e extinción das unidades de
xestión forestal
Artigo 6º.-Inicio do procedemento.
O procedemento para a constitución dunha unidades de xestión forestal iniciarase por solicitude dos interesados ou, nos supostos previstos no artigo 13, de oficio.
Artigo 7º.-Constitución dunha comisión
de propietarios.
1. As persoas propietarias interesadas anunciarán a xuntanza de constitución
dunha comisión de propietarios, con 15 días naturais de anticipación,
nun dos xornais de maior difusión e nos taboleiros de anuncios dos concellos
e nos lugares de costume nas parroquias, indicando a súa pretendida
composición e un plano dos límites que comprende a proxectada
unidades de xestión forestal.
2. Os acordos adoptados serán documentados en acta, asinada por todas
as persoas asistentes á xuntanza.
3. A acta de constitución da comisión de propietarios notificarase
persoalmente de forma individual a cada persoa propietaria coñecida
do ámbito da proxectada unidade de xestión forestal, a través
dun medio que deixe constancia da recepción pola persoa interesada ou
polo seu representante.
4. A comisión de propietarios designará un representante que
se encargará de redactar as actas e realizar as notificacións
previstas neste decreto.
Artigo 8º.-Inicio do proceso por instancia dos interesados.
1. Están lexitimados para promoveren a creación dunha unidade
de xestión forestal as persoas propietarias forestais de predios que
superen o 50% dunha superficie contigua de terreo forestal cunha extensión
mínima de 15 hectáreas.
2. As persoas propietarias que reúnan os requisitos do parágrafo
anterior asinarán a proposta de constitución da unidade de xestión
forestal.
3. A creación da unidade de xestión forestal será impulsada
pola comisión de propietarios integrada polas persoas asinantes da proposta.
Tamén poderán ser parte desta comisión, con voz pero sen
voto, as persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas,
que sexan autorizadas polas devanditas persoas asinantes.
Artigo 9 º.-Presentación da solicitude
de creación.
1. Á solicitude de creación da unidade de xestión forestal, que se dirixirá á dirección xeral competente en materia forestal conforme o modelo do anexo I deste decreto, achegarase:
1. Proposta asinada polas persoas propietarias, conforme o modelo do anexo II deste decreto.2. As solicitudes presentaranse no rexistro central da consellería competente en materia forestal, no das súas delegacións provinciais ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2. Acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 7 relativos á constitución da comisión de propietarios e ás notificacións individuais aos interesados.
3. Memoria xustificativa do cumprimento das maiorías requiridas polo artigo 30.1º da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
4. Un informe preliminar de investigación de propiedade, acompañado dos documentos acreditativos de propiedade dos propietarios promotores.
5. O proxecto de instrumento de xestión forestal específico.
6. O proxecto de estatutos da entidade de xestión.
7. Copia da acta de constitución da comisión de propietarios.
8. O plano en que se sinalen os límites da proxectada unidade de xestión forestal.
Artigo 10º.-Tramitación da solicitude.
1. No caso de que a solicitude de iniciación non reúna os
requisitos exixidos neste decreto, así como aqueles previstos no artigo
70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común,
requerirase a comisión de propietarios para que se corrixan ou emenden
as faltas no prazo de 10 días, consonte o establecido no artigo 71.1º da
devandita lei.
2. Examinada a solicitude de creación da unidade de xestión forestal,
a dirección xeral competente en materia forestal realizará un
estudo de viabilidade que comprenderá a descrición do estado
actual da proxectada unidade de xestión forestal e dos resultados previsibles
que, como consecuencia da súa constitución, permitan determinar
a súa viabilidade, no cal se expresarán os seguintes aspectos:
a) Grao de división, dispersión, propiedades descoñecidas
e situación xurídica das parcelas, en relación coas explotacións
forestais existentes no ámbito territorial da proxectada unidade de
xestión forestal. Para estes efectos, cursarase solicitude de información
sobre os predios afectados ao Catastro e ao Rexistro da Propiedade.
b) Descrición dos recursos naturais, incluíndo as parcelas abandonadas
ou con aproveitamentos inadecuados.
c) Terreos de especial importancia polos seus valores ambientais, paisaxísticos
ou culturais.
d) Valoración das iniciativas ou propostas feitas na solicitude de creación
da unidade de xestión forestal.
e) Outros aspectos que se estimen relevantes para ser valorados pola consellería
na toma da decisión sobre a aprobación ou denegación da
constitución da unidade de xestión forestal.
3. Neste trámite comprobarase a adecuación do proxecto de estatutos ás
disposicións contidas neste decreto.
4. O proxecto de instrumento de xestión forestal específico será sometido
a informe polo distrito forestal a que pertence a unidade de xestión
forestal e polo concello ou concellos atinxidos polo seu ámbito territorial.
O informe deberá ser emitido no prazo máximo de 30 días
naturais. Transcorrido o dito prazo sen que se emitan os ditos informes, entenderanse
favorables ao proxecto de instrumento de xestión forestal específico.
5. Así mesmo, no caso de que a creación da unidade de xestión
forestal se proxecte sobre terreos forestais incluídos na Rede Galega
de Espazos Naturais, segundo o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de
conservación da natureza, será preceptivo o informe da consellería
competente en materia de ambiente para efectos de garantir a adecuación
do proxecto e do instrumento de xestión forestal específico sobre
os valores naturais protexibles.
Artigo 11º.-Proposta de creación da unidade de xestión forestal.
1. Nos 60 días seguintes á presentación da solicitude
ou, de ser o caso, á emenda dos defectos ou omisións observados
nela ou na documentación exixida, a dirección xeral con competencias
en materia forestal publicará o proxecto de aprobación da unidade
de xestión forestal no Diario Oficial de Galicia, nun dos diarios de
maior difusión da zona afectada e na páxina web da consellería
competente en materia forestal, someténdoo a información pública
por un prazo non inferior a vinte días hábiles.
2. Se a proposta de aprobación introduce modificacións para axustar
a unidade de xestión forestal ás previsións da Lei 3/2007,
do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
de Galicia, deste decreto e demais normativa de aplicación, previamente á súa
publicación deberá dar traslado das ditas modificacións
para os promotores interesados para os efectos da súa aceptación
ou rexeitamento. No caso de que as modificacións non sexan aceptadas,
arquivarase a solicitude sen máis trámite e, de ser o caso, continuará o
procedemento respecto dos propietarios partícipes sempre que conten
coas maiorías exixidas no artigo 8 deste decreto.
3. Simultaneamente, procederase á notificación individual ás
persoas propietarias ou titulares de dereitos de contido patrimonial na zona
de actuación, co fin de formularen alegacións por un prazo de
vinte días hábiles sobre os proxectos de ordenación forestal
e de estatutos, rexeitándose calquera outra obxección ou reparo,
e manifesten, así mesmo, a súa vontade de incorporación.
4. No caso de persoas propietarias ou titulares de dereitos reais na zona obxecto
de ordenación forestal que resulten descoñecidas, procederase á súa
notificación por medio de edictos conforme o previsto na Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 12º.-Aprobación da unidade de
xestión forestal.
1. Á vista das alegacións efectuadas polos propietarios ou titulares
de dereitos reais na zona de actuación, ou por calquera persoa no trámite
de información pública, a dirección xeral competente ditará proposta
de resolución, da cal se dará traslado a todos os propietarios
ou titulares de dereitos de contido patrimonial na zona de actuación
da proxectada unidade de xestión forestal, por un prazo de dez días
para facer as alegacións que considere oportunas.
2. Transcorrido o dito prazo, a consellería resolverá motivadamente
sobre a constitución da unidade de xestión forestal, dos seus
estatutos e do instrumento de xestión forestal específico, nos
prazos e cos efectos sinalados no artigo 30.7º da Lei 3/2007, do 9 de
abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia,
excluíndo da entidade de xestión ás persoas propietarias
que tiveren manifestado a súa vontade de non incorporarse á unidade
de xestión forestal no prazo marcado no número 3 do artigo anterior.
Artigo 13º.-Inicio do proceso de oficio.
1. A Xunta de Galicia poderá iniciar o procedemento de oficio, mediante
decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellaría
competente en materia forestal, sempre que a reorganización da propiedade
estivera prevista no plan de prevención e defensa contra os incendios
forestais de distrito.
2. Nestes supostos, e previamente á constitución da unidade de
xestión forestal, a consellería competente en materia forestal
asumirá as funcións que este decreto atribúe á comisión
de propietarios.
3. Os restantes trámites do procedemento serán os establecidos
nos artigos 9 a 12 deste decreto.
Artigo 14º.-Cumprimento das obrigas derivadas da aprobación da unidade de xestión forestal.
A aprobación da unidade de xestión forestal implica a reorganización forzosa da propiedade forestal para todos os propietarios integrantes dela así como o cumprimento obrigatorio das especificacións previstas no instrumento de xestión forestal específico para as persoas propietarias da superficie contigua da unidade de xestión forestal.
Artigo 15º.-Regularización de teselas.
1. O acordo de aprobación final de regularización das teselas
será aprobado pola asemblea xeral por maioría absoluta das
cotas de participación e será elevado a público, comunicado
ao catastro e inscrito no rexistro da propiedade.
2. O dito acordo acompañarase dos planos correspondentes en que consten
as infraestruturas básicas da unidade de xestión forestal, tanto
as relativas á xestión da propiedade como á defensa
contra incendios, e reflectirá a constitución dos dereitos de
superficie ou calquera outro admisible en dereito establecidos sobre as parcelas
integrantes da unidade de xestión forestal.
Artigo 16º.-Modificación das unidades de xestión forestal.
1. A modificación das unidades de xestión forestal pode producirse
polas seguintes causas:
a) Pola alteración da súa superficie, sempre e cando se manteña
unha superficie igual ou superior a 15 hectáreas.
b) Pola renuncia de calquera número de persoas propietarias que superen
o 50% da superficie das parcelas que conforman a unidade de xestión
forestal. A renuncia será admitida sen prexuízo do cumprimento
obrigatorio do instrumento de xestión forestal específico polo
tempo que medie ata o cumprimento do prazo para o que se tiña creado
a unidade de xestión forestal.
c) Pola fusión da unidade de xestión forestal, consistente na
inclusión dos terreos dunha unidade de xestión forestal noutra
unidade de xestión forestal de terreos confinantes con aquela.
d) Polo cambio de clasificación ou clasificación urbanística
dos predios que conforman a unidades de xestión forestal.
2. Se a modificación da unidade de xestión forestal afectar sensiblemente
o planificado no seu instrumento de xestión forestal específico,
procederase antes da autorización á modificación deste,
adecuándoo á nova situación.
3. A modificación da unidade de xestión forestal será autorizada
pola consellaría competente en materia forestal, tras a proposta da
dirección xeral con competencias na dita materia e logo de tramitación
do expediente en que se garantirá a audiencia das persoas interesadas.
Artigo 17º.-Extinción das unidades de xestión forestal.
1. As unidades de xestión forestal poden ser extinguidas polo transcurso
do prazo para que foron creadas e por iniciativa das persoas propietarias.
2. Tamén será causa de extinción da unidade de xestión
forestal a alteración da súa superficie cando a resultante sexa
inferior a 15 hectáreas.
3. O acordo de extinción deberá ser adoptado pola asemblea xeral
de acordo co establecido nos seus estatutos e autorizado pola consellería
competente en materia forestal.
4. No acordo de extinción, as persoas propietarias optarán entre
aplicar o instrumento de xestión forestal específico da unidade
de xestión forestal ata o remate do seu período de vixencia ou
solicitar da dirección xeral competente en materia forestal a aprobación
dun plan específico de xestión do monte.
Artigo 18º.-Revogación da aprobación da unidade de xestión forestal.
1. A aprobación da unidade de xestión forestal poderá ser
revogada pola consellaría competente en materia forestal se sobreviñer
ou se puxer de manifesto algún feito que podería ter orixinado
a denegación da aprobación, ou se a entidade de xestión
incumprir gravemente as obrigas establecidas neste decreto.
2. Neses supostos deberá mediar un apercibimento previo da dirección
xeral competente en materia forestal, que fixará un prazo non inferior
a un mes para a emenda ou correción dos feitos sinalados.
Sección II
Normas de xestión provisionais durante a constitución dunha unidades
de xestión forestal
Artigo 19º.-Realización dos aproveitamentos madeireiros ou leñosos durante a constitución da unidade de xestión forestal.
1. Todas as persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade
de xestión forestal terán a obriga de manter e coidar as parcelas
forestais, sen que se poida diminuír o valor destas sen a autorización
previa da dirección xeral competente en materia forestal.
2. En todo caso, os aproveitamentos forestais realizados polas persoas propietarias
dos predios situados no perímetro da unidade de xestión forestal
en constitución estarán sometidas ao réxime de autorización
previsto na Orde do 6 de outubro de 2004, pola que se regulan os aproveitamentos
madeireiros e leñosos ou norma que a susbtitúa, en aplicación
da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, coas seguintes particularidades:
a) A xustificación técnica da denegación poderá ser
fundamentada, ademais de nos motivos previstos na orde, na adecuación
dos aproveitamentos ao proxecto de instrumento de xestión forestal específico
presentado pola comisión de propietarios atinxida.
b) Os rareos, as cortas de mellora e os tratamentos silvícolas sen aproveitamento
comercial requirirán, nos predios situados no perímetro da unidade
de xestión forestal en constitución, a autorización prevista
pola dirección xeral con competencias en materia forestal en todos os
casos e seguindo os procedementos descritos na devandita orde.
Capítulo III
Da organización e funcionamento das entidades
de xestión
Artigo 20º.-Estatutos da entidade de xestión.
1. A entidade de xestión rexerase por uns estatutos que respectarán
as previsións deste capítulo e que terán como mínimo
o seguinte contido:
a) Denominación da unidade de xestión forestal e situación
xeográfica das parcelas comprendidas no seu ámbito.
b) Os dereitos e obrigas das persoas propietarias das parcelas que manifestaron
a súa vontade de incorporación á unidade de xestión
forestal e das persoas xestoras, e o seu grao de representatividade no seo
da entidade de xestión.
c) As regras de funcionamento da entidade de xestión.
d) Os órganos da entidade de xestión, que serán, como
mínimo, unha asemblea xeral e unha xunta reitora, especificando a súa
composición, competencias, e o réxime de adopción dos
acordos. A súa estrutura interna e funcionamento terán que ser
democráticos e axustaranse ás previsións do artigo 22
e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico
das administracións públicas e do procedemento administrativo
común, que en todo caso será de aplicación supletoria.
e) O réxime de maiorías de adopción dos acordos, respectando
o disposto no parágrafo 10 do artigo 30 da Lei 3/2007, do 9 de abril,
de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
f) O réxime disciplinario.
g) O financiamento, especificando o patrimonio inicial, o réxime de
administración, control e xestión e a composición do fondo
común e o seu destino no caso de disolución da unidade de xestión
forestal.
2. Contra os acordos da entidade de xestión poderase recorrer en alzada
ante a persoa titular da consellería competente en materia forestal,
no prazo dun mes desde a súa adopción, por parte de calquera
membro da entidade de xestión.
3. Os estatutos da entidade de xestión da unidade de xestión
forestal serán inscritos de oficio no Rexistro de unidades de xestión
forestal no momento da súa aprobación.
Artigo 21º.-Asemblea xeral.
1. A asemblea xeral, da cal forman parte todas as persoas propietarias, é o órgano
supremo de expresión da vontade da unidade de xestión forestal
e deberá constituírse no prazo máximo dun mes desde a
aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación.
2. Exercerán a presidencia e a secretaría da asemblea xeral as
mesmas persoas que o sexan da xunta reitora.
3. Corresponde ao presidente acordar a convocatoria das sesións ordinarias
e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta,
de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente
anticipación e as demais funcións previstas no artigo 23 da Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
4. A asemblea xeral será convocada polo menos unha vez ao ano e sempre
dentro dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio económico
para aprobar o estado de contas.
5. A asemblea xeral convocarase cun mínimo de dez días de anticipación á data
da súa celebración, mediante notificación por calquera
medio que deixe constancia da súa recepción, a todas as persoas
propietarias e coa orde do día dos asuntos a tratar. Esta convocatoria
exporase por medio de anuncios, e durante o mesmo prazo, nos taboleiros de
anuncios dos concellos atinxidos pola unidade de xestión forestal e
nos lugares de costume das parroquias onde esta radique.
6. Para asistir á asemblea xeral, calquera titular poderá delegar
a súa representación noutra persoa propietaria ou no seu cónxuxe,
ascendentes ou descendentes en primeiro grao, con plena capacidade de obrar,
sen que ningún caso poida asumir máis dunha delegación.
A delegación deberá ser expresa para cada asemblea xeral.
7. As persoas que non poidan comparecer persoalmente ou mesmo quen así o
desexe, poderán votar por medio de poder notarial específico
para cada unidade de xestión forestal.
Artigo 22º.-Competencias da asemblea xeral.
A asemblea xeral terá as seguintes competencias:
a) A proposta de modificación de estatutos e do instrumento de xestión
forestal específico, que deberá ser aprobada pola persoa titular
da consellería competente en materia forestal.
b) A elección dos membros e dos órganos da xunta reitora.
c) A aprobación da proposta de regularización das teselas feita
pola xunta reitora.
d) O debate, a aprobación e a censura da xestión realizada pola
xunta reitora.
e) A censura, debate e aprobación do balance e contas do exercicio económico.
Artigo 23º.-Xunta reitora.
1. No mes seguinte á constitución da asemblea xeral, deberá constituírse
a xunta reitora.
2. A xunta reitora, en canto órgano reitor da entidade de xestión, é o órgano
de goberno e xestión da unidade de xestión forestal.
3. A Xunta reitora terá a composición que se fixe nos estatutos,
e como mínimo preverá a existencia dos seguintes cargos coas
seguintes atribucións:
a) A presidencia, que representa a entidade de xestión, preside e modera
os debates e terá voto de calidade no caso de empate nas votacións.
b) A secretaría, que será a encargada de facer as citacións,
redactar as actas que deberán ser autorizadas coa sinatura da presidencia,
xestionar a correspondencia, expedir as certificacións co visto e prace
da presidencia, levar o libro de actas e, en xeral, custodiar a documentación
e dirixir os servizos administrativos da entidade de xestión.
c) A tesouraría, que formula o orzamento, reflicte a xestión
económica nos libros contables, controla os ingresos e autoriza os gastos.
4. Así mesmo, formará parte da xunta reitora unha persoa representante
da consellaría competente en materia forestal, que terá voz pero
non voto, que será designada no acordo de aprobación definitiva
da unidade de xestión forestal.
5. De non ser posible a constitución da xunta reitora, asumirá as
súas funcións a asemblea xeral.
Artigo 24º.-Réxime de maiorías da xunta reitora.
Os acordos da xunta reitora adoptaranse por maioría simple, agás que os estatutos exixan unha maioría diferente.
Artigo 25º.-Competencias da xunta reitora.
1. A xunta reitora desenvolve as seguintes funcións:
a) Elevar á asemblea xeral a proposta de modificación dos estatutos
e do instrumento de xestión forestal específico.
b) Promover a xestión conxunta das propiedades forestais que compoñen
a unidade de xestión forestal, e propoñer a regularización
das teselas á asemblea xeral.
c) Procurar a confluencia de intereses entre os propietarios.
d) Elaborar e publicitar os documentos que conforman o réxime documental
da unidade de xestión forestal.
e) Cumprir e facer cumprir os estatutos.
f) Aplicar a normativa forestal.
g) Manter informadas as persoas propietarias nos asuntos que as afecten.
h) Coordinar as actividades descritas no instrumento de xestión forestal
específico da unidade de xestión forestal.
i) Colaborar coa autoridade competente en materia forestal no cumprimento do
planeamento da defensa contra os incendios forestais.
j) Dirimir todas as cuestións relativas ao funcionamento da unidade
de xestión forestal e responder da súa xestión.
k) Calquera outra que lle atribúa a normativa en vigor.
2. A xunta reitora presentará cada ano perante os propietarios reunidos en sesión plenaria da asemblea xeral o plan anual e o estado de contas, e elaborará unha memoria anual de xestión.
Artigo 26º.-Inscrición dos actos dos órganos das unidades de xestión forestal de Galicia.
As resolucións relativas a todos os actos que teñan relación con este decreto serán inscritas no Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia, así como os estatutos e os acordos que sexan adoptados pola asemblea xeral e pola xunta reitora, que serán remitidos por esta última á sección provincial correspondente do rexistro.
Capítulo IV
Xestión da superficie forestal
Artigo 27º.-Instrumento de xestión forestal específico.
1. As unidades de xestión forestal xestionaranse mediante un instrumento
de xestión forestal específico, que será de obrigado cumprimento
para todas as persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade
de xestión forestal.
2. O instrumento de xestión forestal específico determinará os
seguintes aspectos, integrándoos e compatibilizándos co planeamento
da defensa do espazo rural contra os incendios forestais de nivel superior:
a) As accións silvícolas e de organización da xestión
forestal.
b) As accións de defensa do monte contra os incendios forestais.
c) As infraestruturas básicas dos terreos forestais.
d) Cronograma de execución.
3. Aprobado o instrumento de xestión da unidade de xestión forestal,
será comunicado de oficio ao Rexistro de unidades de xestión
forestal no prazo de 30 días, sen prexuízo do sinalado na Orde
do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de proxectos de ordenación
e plans técnicos de xestión de montes ou norma que a substitúa.
4. As modificacións do instrumento de xestión forestal específico,
logo do acordo da asemblea xeral, requirirán a autorización da
dirección xeral competente en materia forestal e a notificación ás
persoas propietarias afectadas pola superficie contigua da unidade de xestión
forestal non integrantes dela.
Artigo 28º.-Obxectivos e criterios do instrumento de xestión forestal específico.
1. O instrumento de xestión forestal específico, respectando
sempre as medidas de silvicultura, forestación, reforestación,
ordenación preventiva do terreo forestal, e as demais establecidas na
Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios
forestais de Galicia, procurará os seguintes obxectivos:
a) O respecto á vontade da entidade de xestión sobre o futuro
uso da superficie forestal.
b) O agrupamento da xestión, materializándoa en unidades mínimas
e homoxéneas de xestión, atendendo aos seguintes criterios:
i) Económicos.
ii) Ambientais.
iii) Sociais.
iv) Outros criterios xustificados e de carácter técnico.
2. O instrumento de xestión forestal específico reflectirá fidedignamente
a situación da superfice da unidade de xestión forestal con respecto á propiedade,
ao estado natural e ao estado forestal, referidos ao momento da solicitude
de creación da unidade de xestión forestal.
3. O instrumento de xestión forestal específico incluirá unha
proposta de parcelas forestais, entendidas para estes efectos como as subunidades
mínimas de xestión nunha unidade de xestión forestal,
establecidas con criterios que garantan a defensa contra os incendios, o seu
planeamento preventivo e a ordenación dos montes por medio do instrumento
de xestión forestal específico.
Artigo 29º.-Contidos e estrutura dos instrumentos de xestión forestal específico.
1. O instrumento de xestión forestal específico definirá os
seguintes aspectos:
a) A situación que se pretende acadar como consecuencia da reorganización
da propiedade.
b) A planificación e ordenación temporal e espacial da utilización
sustentable dos recursos do monte.
c) A descrición pormenorizada da superficie forestal, en particular,
un inventario forestal que permita a toma de decisións no que atinxe á silvicultura
aplicable en cada unha das teselas do monte e a estimación das súas
rendas.
d) Aqueles outros condicionantes que desde o punto de vista ambiental, legal,
social ou económico incidan no desenvolvemento das accións previstas
na planificación forestal e poidan afectar a situación que se
pretende acadar.
2. O instrumento de xestión forestal específico conterá un
plan de defensa contra os incendios forestais adaptado ás exixencias
do planeamento da defensa do espazo rural contra os incendios forestais de
orde superior. Se a superficie dunha unidade de xestión forestal se
estender a máis dun concello, o planeamento de defensa da unidade de
xestión forestal adaptarase a aquelas estipulacións que supoñan
a maior seguranza e garantía de defensa contra o lume.
3. O instrumento de xestión forestal específico establecerá un
plan de cortas e aproveitamentos para as unidades mínimas en que se
subdivida a superficie da unidade de xestión forestal.
4. O inventario forestal do instrumento de xestión forestal específico
reflectirá, polo menos, os seguintes contidos:
a) As áreas por especies e estratos dominantes.
b) O estado forestal da masa ou clases naturais de idade.
5. No citado inventario será obrigatoria a inventariación do
voo nos seguintes supostos:
a) Nos predios en que a valoración do voo se poida facer con criterios
económicos actuais de mercado e cando o requira a reorganización
da xestión conxunta dos predios.
b) Nas parcelas de persoas descoñecidas con arboredo e que se pretendan
incluír na xestión conxunta da unidade de xestión forestal.
6. O instrumento de xestión forestal específico axustará a
súa estrutura de contidos ao establecido no anexo III.
Artigo 30º.-Execución dos plans do instrumento de xestión forestal específico.
1. A execución dos plans do instrumento de xestión forestal
específico nos predios que forman a unidade de xestión forestal é responsabilidade
da xunta reitora, salvo que nos estatutos se reflicta outra responsabilidade.
Será responsabilidade das persoas propietarias dos terreos naqueles
casos en que non se tiveren integrado na unidade de xestión forestal
e estiveren afectados pola superficie contigua dela.
2. En todo caso, a execución dos plans de xestión que afecten
predios de titularidade descoñecida será responsabilidade da
xunta reitora. Toda actuación nos devanditos predios terá que
quedar fidedignamente rexistrada e documentada.
3. A xunta reitora levará un libro de rexistro en que se relacionen
cronoloxicamente os labores desenvolvidos en aplicación dos plans.
Capítulo V
Financiamento
Artigo 31º.-Fontes de financiamento.
O financiamento para crear as unidades de xestión forestal e para desenvolver
as actuacións previstas nos plans, sen prexuízo doutras fontes
de financiamento que se poidan obter ou habilitar para estes efectos, poderá proceder:
1. De investimentos das persoas lexitimadas para crear a unidade de xestión
forestal.
2. Do fondo común.
3. Das liñas de axudas destinadas a promover a xestión forestal sustentable de carácter comunitario, estatal, autonómico ou local.
Artigo 32º.-Fondo común.
1. A xunta reitora da unidade de xestión forestal constituirá un
fondo común para financiar as accións da unidade de xestión
forestal na execución dos plans e no desenvolvemento dos seus obxectivos.
2. Os ingresos do fondo común procederán:
a) Das cotas das persoas propietarias integrantes da unidade de xestión
forestal acordadas consonte o procedemento previsto nos estatutos.
b) Dunha porcentaxe dos beneficios obtidos nas actividades desenvolvidas no
seo da unidade de xestión forestal, segundo o disposto e ao abeiro dos
seus estatutos.
c) Dos beneficios derivados da xestión de terreos de propiedade descoñecida
incluídos na unidade de xestión forestal.
d) Dos ingresos procedentes de convenios ou contratos subscritos con entidades
públicas ou privadas.
e) Subvencións e outros ingresos e achegas de dereito público
que poida percibir conforme dereito.
f) Doazóns, legados, herdanzas e outros ingresos e achegas de dereito
privado que poida recibir conforme dereito.
Capítulo VI
Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia
Artigo 33º.-Creación do Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia.
1. Créase o Rexistro das unidades de xestión forestal de Galicia
como un rexistro público de carácter administrativo adscrito á consellaría
competente en materia forestal que recolle as unidades de xestión forestal
constituídas ao abeiro da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención
e defensa contra os incendios forestais de Galicia e deste decreto.
2. Neste rexistro anotaranse as unidades de xestión forestal creadas
e o seu estado ao abeiro da devandita lei e deste decreto.
3. Este rexistro terá unha sección en cada delegación
provincial da citada consellería.
Artigo 34º.-Actualización dos contidos
O rexistro terá permanentemente actualizado o seu contido, e permitirá coñecer o estado de tramitación das distintas fases de creación e funcionamento das unidades de xestión forestal inscritas.
Artigo 35º.-Actos inscribibles.
As resolucións relativas a todos os actos que teñan relación
coa creación e o funcionamento das unidades de xestión forestal,
serán inscritas no rexistro, así como os estatutos e os acordos
que sexan adoptados pola asemblea xeral e pola xunta reitora, que serán
remitidos por esta última á sección provincial correspondente
do Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia. As inscricións
están suxeitas ás normas establecidas na Lei 6/2003, do 9 de
decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma
de Galicia.
O incumprimento deste deber dará lugar á perda do dereito da
unidade de xestión forestal á obtención de axudas para
o funcionamento e a realización de investimentos.
Artigo 36º.-Solicitude e emisión de certificacións.
1. O acceso, para os efectos de expedición de certificacións
polo rexistro, realizarase mediante solicitude dirixida á dirección
xeral competente en materia forestal ou ben directamente, empregando os modelos
normalizados que para tal efecto se faciliten no rexistro.
2. As certificacións serán emitidas polo responsable do rexistro
e a súa expedición estará suxeita ás normas establecidas
na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras
da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O acceso ao rexistro garantirá o respecto ao dereito á intimidade
persoal e realizarase de conformidade co previsto no artigo 37 da Lei 30/1992,
do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións
públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 37º.-Organización do rexistro.
1. O rexistro organizarase por provincias e termos municipais alfabeticamente
ordenados.
2. Á unidade de xestión forestal inscrita outorgaráselle
un número, encabezado polos díxitos da provincia, seguidos dos
do concello e parroquia onde se asenta, e finalmente o que se lle asigne á propia
unidade de xestión forestal.
3. Indicarase se a unidade de xestión forestal se está a constituír
de oficio ou por instancia de parte interesada.
4. Disporá dun ficheiro pormenorizado e actualizado cos datos das persoas
membros da comisión de propietarios e da asemblea xeral, así como
da superficie achegada por cada unha das persoas propietarias integrantes da
unidade e das persoas propietarias afectadas pola superficie contigua.
5. Constarán a denominación, superficie, estremas, e as datas
de inicio e aprobación da unidade de xestión forestal.
Artigo 38º.-Informe anual.
Anualmente achegarase ao Rexistro de unidades de xestión forestal unha copia da acta de asemblea xeral correspondente á aprobación do estado de contas e unha copia da memoria anual de xestión elaborada pola xunta reitora.
Artigo 39º.-Protección de datos.
A comunicación ou cesión de datos de carácter persoal contidos no Rexistro de unidades de xestión forestal de Galicia terá lugar consonte o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.
Capítulo VII
Das medidas de fomento en prol das unidades de xestión forestal
Artigo 40 º.-Incentivos e axudas.
1. A Xunta de Galicia priorizará os seus recursos cara á constitución
daquelas unidades de xestión forestal que poidan acadar maior superficie
de terreo forestal, e maior número de persoas propietarias en relación
coa respectiva rede de protección en que se sitúen eses terreos.
2. A Xunta tamén poderá establecer axudas para incentivar a constitución
o investimento de capital e o funcionamento corrente das unidades de xestión
forestal.
Capítulo VIII
Réxime sancionador
Artigo 41 º.-Réxime sancionador.
1. O incumprimento das especificacións previstas no instrumento de xestión forestal específico sancionarase de acordo co disposto nos artigos 67.l) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e 51.3.b) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
2. O incumprimento das obrigas contidas nos estatutos polas persoas propietarias integrantes da unidade de xestión forestal sancionarase en virtude do disposto no artigo 51.3.b) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sen prexuízo da redución na repartición de ganancias da parte proporcional que corresponda incrementada cos xuros legais, cando o incumprimento derive da falta de pagamento das cotas que estatutariamente se tiveren establecido.Disposicións adicionais
Primeira.-Publicidade.
1. Toda a información sobre as unidades de xestión forestal en
constitución estará dispoñible no portal da internet da
consellería competente en materia forestal, así como a información
e tramitación telemática necesaria para a creación e xestión
das unidades de xestión forestal.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Desenvolvemento normativo.
Facúltase a persoa titular da Consellaría do Medio Rural para
ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e
cumprimento do disposto neste decreto.
Segunda.-Entrada en vigor.
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
ANEXO III
Contidos básicos dun instrumento de xestión forestal específico para unha UXFOREstado legal da superficie que abrangue a UXFOR:
1. Concello.
2. Parroquia.
3. Persoas propietarias.
4. Superficies por persoa propietaria.
5. Superficie total real da superficie da UXFOR.
6. Servidumes e ocupacións.
7. Figuras de protección.
8. Usos do solo segundo a Lei do solo.
Estado natural:
1. Breve descrición da situación xeográfica, orográfica,
clima e solo.
2. Principais ecosistemas presentes no monte.
3. Usos do solo segundo IFN3.Relación de usos coa superficie dedicada
a cada un.
Estado forestal e inventario:
1. Relación de estratos forestais (segundo o IFN3 ou segundo a proposta
do redactor coas equivalencias co IFN3) coa superficie dedicada a cada un.
2. Vexetación actual e potencial.
3. Relación non exhaustiva de fauna asociada ás distintas formacións
vexetais.
4. Relación de especies de fauna e flora sometidas a calquera tipo de
réxime de protección con posible presenza na UXFOR.
5. Descrición de unidades inventariais.
6. Para cada unidade: especie, estado da masa (repoboado, monte baixo, latizal,
fustal), fracción de cabida cuberta (intervalos <5%, 5-20, 20-40,
40-60, 60-90, >90). Estimación de existencias madeireiras. Xustificación
dos cálculos.
7. Estado sanitario. Descrición sucinta do aspecto sanitario da masa
e das posibles afeccións.
8. Estado da rexeneración en cada unha das unidades inventariais.
Estado das infraestruturas:
1. Accesos.
2. Pistas e vías de saca.
3. Devasas.
4. Puntos de auga.
5. Outras.
Estado económico:
1. Distancia aos principais núcleos de poboación.
2. Distancia aos principais centros de transformación de produtos forestais.
Planificación da xestión forestal:
1. Obxectivo xeral por unidade (produción madereira e non madeireira,
protección, mixto).
2. Limitacións (servidumes, ordenanzas municipais, decreto de incendios,
planeamentos de prevención…).
Zonificación segundo intensidades de xestión e definición
de teselas:
Plan xeral:
1. Elección de especies.
2. Elección de modelo silvícola con cronograma de actuacións.
3. Condicións mínimas de xestión (código de boas
prácticas, quendas para as distintas especies...).
Plan especial:
Plan de aproveitamentos:
1. Cortas (por cantón, mouteira), con referencia temporal ou cronograma
de actuacións.
2. Outros aproveitamentos (pastos, fungos, biomasa…).
Plan de melloras:
1. Melloras silvícolas (por cantón, mouteira, conxunto de parcelas
ou teselas definidas) con cronograma de actuacións.
2. Outras melloras.
Plan de prevención de incendios:
1. Actuacións para a adecuación aos planeamentos de distrito
e municipal de defensa contra os incendios forestais.
2. Infraestruturas básicas.
3. Silvicultura adoptada que incida na prevención de incendios.
4. Infraestruturas previstas.
5. Devasas, áreas tornalumes e outros usos con incidencia na prevención.
6. Redes de faixas de xestión de biomasa.
Balance económico:
1. Previsión de ingresos e gastos no conxunto da superficie da UXFOR.
Planos (en formato papel e dixital):
1. Plano das parcelas SIXPAC afectadas por este instrumento de xestión
forestal específico.
2. Plano de infraestruturas.
3. Plano de usos do solo (segundo normativa urbanística e segundo IFN3).
4. Plano de estratos forestais.
5. Plano de zonificación segundo intensidades de xestión e teselas.