JUAN CARLOS I
REI DE ESPAÑA
Saiban tódolos que a viren e entenderen que as Cortes Xerais aprobaron e eu sanciono a seguinte lei.
Exposición de motivos
«A ordenación, a conservación e o desenvolvemento sustentable de tódolos tipos de bosques son fundamentais para o desenvolvemento económico e social, a protección do ambiente e os sistemas sustentadores da vida no planeta. Os bosques son parte do desenvolvemento sustentable.»
Esta declaración da Asemblea de Nacións Unidas, na súa sesión especial de xuño de 1997, é unha clara expresión do valor e o papel que os montes desempeñan na nosa sociedade. Acollendo esta concepción, esta lei establece un novo marco lexislativo regulador dos montes, para a reorientación da conservación, a mellora e o aproveitamento dos espacios forestais en todo o territorio español en consonancia coa realidade social e económica actual, así como coa nova configuración do Estado autonómico creado pola nosa Constitución.
A Lei de montes de 1957 cumpriu case medio século e fíxoo coa eficacia que a súa propia lonxevidade demostra. Sen embargo, o mandato contido na Constitución española de 1978 de dotarnos dun marco lexislativo básico en materia forestal non pode ser realizado adecuadamente pola lei de 1957. O marco político e institucional, o contexto económico e social e o novo paradigma ambiental marcado especialmente polas tendencias internacionais, nun mundo intensamente globalizado, teñen moi pouco que ver cos imperantes nos anos 50 do pasado século.
É o obxecto desta lei constituírse nun instrumento eficaz para garanti-la conservación dos montes españois, así como promove-la súa restauración, mellora e racional aproveitamento apoiándose na indispensable solidariedade colectiva. A lei inspírase nuns principios que veñen enmarcados no concepto primeiro e fundamental da xestión forestal sustentable. A partir del pódense deduci-los demais: a multifuncionalidade, a integración da planificación forestal na ordenación do territorio, a cohesión territorial e subsidiariedade, o fomento das produccións forestais e do desenvolvemento rural, a conservación da biodiversidade forestal, a integración da política forestal nos obxectivos ambientais internacionais, a cooperación entre as administracións e a obrigada participación de tódolos axentes sociais e económicos interesados na toma de decisións sobre o medio forestal.
O concepto de monte recolle o cumprimento das diversas funcións do territorio forestal e dálles entrada ás comunidades autónomas na marxe de regulación sobre terreos agrícolas abandonados, solos urbanos e urbanizables e a determinación da dimensión da unidade mínima que será considerada monte para efectos da lei.
A lei designa as administracións autonómicas como as responsables e competentes en materia forestal, de acordo coa Constitución e cos estatutos de autonomía. Ó mesmo tempo, clarifica as funcións da Administración xeral do Estado, fundamentadas na súa competencia de lexislación básica en materia de montes, aproveitamentos forestais e ambiente, ademais doutros títulos. En todo caso, opta con claridade pola colaboración e cooperación entre as administracións para beneficio dun medio forestal que non entende de fronteiras administrativas. Por estes mesmos motivos, revitalízase o papel das administracións locais na política forestal, concedéndolles unha maior participación na adopción de decisións que inciden directamente sobre os seus propios montes, recoñecendo con iso o seu papel como principais propietarios forestais públicos en España e a súa contribución á conservación duns recursos naturais que benefician a toda a sociedade.
Na mesma liña, a lei establece como principio xeral que os propietarios dos montes sexan os responsables da súa xestión técnica e material, sen prexuízo das competencias administrativas das comunidades autónomas en tódolos casos e do que estas dispoñan en particular para os montes catalogados de utilidade pública.
Son os propietarios dos montes os que primeiro e máis directamente se responsabilizan da súa xestión sustentable. Para garantir tal xestión, a lei pretende o impulso decidido da ordenación de montes, a través de instrumentos para a xestión como os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou figuras equivalentes, sendo este un dos elementos clave da nova lexislación.
Pola súa titularidade os montes son públicos ou privados, pero todos son bens que cumpren unha clara función social e por tanto están suxeitos ómandato constitucional segundo o cal as leis delimitan o dereito e ó mesmo tempo a función social da propiedade. No caso dos montes catalogados de utilidade pública, a lei opta pola súa declaración como dominio público, constituíndose o dominio público forestal con estes montes xunto cos restantes montes afectados a un uso ou un servicio público. Desta forma dáselle o máximo grao de integridade e permanencia ó territorio público forestal de maior calidade. Ó mesmo tempo, abre a posibilidade da utilización do dominio público forestal polos cidadáns para aqueles usos respectuosos co medio natural.
A institución do Catálogo de Montes de Utilidade Pública, de gran tradición histórica na regulación xurídica dos montes públicos en España e instrumento fundamental na súa protección, permanece e refórzase na lei. En primeira instancia, ó homologa-lo seu réxime, que xa era de case dominio público, co dos bens plenamente demaniais. En segundo lugar, ó amplia-los motivos de catalogación; en concreto, engadíronse aqueles que máis contribúen á conservación da diversidade biolóxica e, en particular, aqueles que constitúan ou formen parte de espacios naturais protexidos ou espacios da rede europea Natura 2000. Tamén se reforza en termos equivalentes a figura dos montes protectores e o seu rexistro, a declaración dos cales se estimula con incentivos económicos.
A lei concede especial relevancia a un aspecto fundamental para a definición da política forestal, como é o da información. Trátase de establece-los mecanismos para dispoñer dunha información forestal actualizada e de calidade para todo o territorio español sobre a base de criterios e metodoloxías comúns. Esta información coordinarase e plasmarase na Estatística forestal española, entre os obxectivos da cal resalta o de facilita-lo acceso do cidadán á información vinculada ó mundo forestal.
A lei constata a necesidade da planificación forestal a escala xeral, consagrando a existencia da estratexia forestal española e o Plan Forestal Español. Neste ámbito, a novidade máis importante da lei constitúena os plans de ordenación dos recursos forestais (PORF). Configúranse como instrumentos de planificación forestal de ámbito comarcal integrados no marco da ordenación do territorio, co que a planificación e a xestión forestais se conectan co decisivo ámbito da ordenación territorial.
Polo que respecta ós aproveitamentos forestais, a lei incide na importancia de que os montes conten co seu correspondente instrumento de xestión, de tal maneira que para montes ordenados ou, se é o caso, incluídos no ámbito de aplicación dun PORF, a Administración limitarase a comprobar que o aproveitamento proposto é conforme coas previsións do devandito instrumento. Refórzase tamén a conservación dos montes mediante o establecemento de condicións restrictivas para o cambio do uso forestal de calquera monte, independentemente da súa titularidade ou réxime xurídico.
En materia de incendios forestais, a lei faise eco da importancia do papel da sociedade civil na súa prevención. De acordo con iso, establece a obriga de toda persoa de avisar da existencia dun incendio, e, se é o caso, de colaborar no seu combate. Así mesmo, promove campañas de concienciación e sensibilización cidadá. Ponse tamén especial énfase na necesidade de coordinación das diferentes administracións na prevención e combate dos incendios. A lei propón a designación das chamadas zonas de alto risco de incendio, que deberán estar provistas do seu correspondente plan de defensa. Así mesmo, establece a obriga de restauración dos terreos incendiados, quedando prohibido o cambio de uso forestal por razón do incendio.
Outro aspecto relevante desta lei é a previsión de medidas de fomento da xestión sustentable dos montes, mediante subvencións e outros incentivos polas externalidades ambientais, ademais de considerar incluídos entre os fins de interese xeral os orientados á xestión forestal sustentable, para efectos da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado. Con estas medidas quérese contribuír ó recoñecemento dos beneficios xerais que os propietarios lle achegan á sociedade cos seus montes.
Para incidir unha vez máis no impulso á ordenación de tódolos montes, os incentivos soamente serán aplicables ós montes que conten con instrumento de xestión, e ademais terán prioridade os montes declarados protectores ou os montes catalogados.
Finalmente, regúlase un réxime de infraccións e sancións nas materias obxecto desta lei, establecendo os criterios para a cualificación das infraccións segundo a súa gravidade e fixando as sancións correspondentes. Esta lei díctase en virtude do artigo 149.1.8.a, 14.a, 15.a, 18.a e 23.a da Constitución, que lle reserva ó Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación civil, Facenda xeral, fomento e coordinación da investigación, bases do réxime xurídico das administracións públicas e lexislación básica sobre protección do ambiente e dos montes e aproveitamentos forestais, respectivamente.
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Obxecto e conceptos xerais
Artigo 1. Obxecto.
Esta lei ten por obxecto garanti-la conservación e protección dos montes españois, promovendo a súa restauración, mellora e racional aproveitamento, apoiándose na solidariedade colectiva.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
1. Esta lei é de aplicación a tódolos montes españois de acordo co concepto contido no artigo 5. No caso dos montes veciñais en man común, esta lei élles aplicable sen prexuízo do establecido na súa lexislación especial.
2. Ós terreos de condición mixta agrosilvopastoral, e en particular ás devesas, seralles de aplicación esta lei no relativo ás súas características e aproveitamentos forestais, sen prexuízo da aplicación da normativa que lles corresponda polas súas características agropecuarias.
3. Os montes que sexan espacios naturais protexidos ou formen parte deles réxense pola súa lexislación específica, así como polas disposicións desta lei no que non sexa contrario a aquela.
4. As vías pecuarias que atravesen ou linden con montes réxense pola súa lexislación específica, así como polas disposicións desta lei, no que non sexa contrario a aquela.
Artigo 3. Principios.
Son principios que inspiran esta lei:
a) A xestión sustentable dos montes.
b) O cumprimento equilibrado da multifuncionalidade dos montes nos seus valores ambientais, económicos e sociais.
c) A planificación forestal no marco da ordenación do territorio.
d) O fomento das produccións forestais e os seus sectores económicos asociados.
e) A creación de emprego e o desenvolvemento do medio rural.
f) A conservación e restauración da biodiversidade dos ecosistemas forestais.
g) A integración na política forestal española dos obxectivos da acción internacional sobre protección do ambiente, especialmente en materia de desertificación, cambio climático e biodiversidade.
h) A colaboración e cooperación das diferentes administracións públicas na elaboración e execución das súas políticas forestais.
i) A participación na política forestal dos sectores sociais e económicos implicados.
Artigo 4. Función social dos montes.
Os montes, independentemente da súa titularidade, desempeñan unha función social relevante, tanto como fonte de recursos naturais como por seren provedores de múltiples servicios ambientais, entre eles, de protección do solo e do ciclo hidrolóxico; de fixación do carbono atmosférico; de depósito da diversidade biolóxica e como elementos fundamentais da paisaxe.
O recoñecemento destes recursos e externalidades, dos que toda a sociedade se beneficia, obriga as administracións públicas a velaren en tódolos casos pola súa conservación, protección, restauración, mellora e ordenado aproveitamento.
Artigo 5. Concepto de monte.
1. Para os efectos desta lei, enténdese por monte todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, productoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.
Teñen tamén a consideración de monte:
a) Os terreos ermos, rochedos e areeiras.
b) As construccións e infraestructuras destinadas ó servicio do monte en que se sitúan.
c) Os terreos agrícolas abandonados que cumpran as condicións e prazos que determine a comunidade autónoma, e sempre que adquirisen signos inequívocos do seu estado forestal.
d) Todo terreo que, sen reuni-las características descritas anteriormente, se adscriba á finalidade de ser repoboado ou transformado ó uso forestal, de conformidade coa normativa aplicable.
2. Non teñen a consideración de monte:
a) Os terreos dedicados ó cultivo agrícola.
b) Os terreos urbanos e aqueloutros que exclúa a comunidade autónoma na súa normativa forestal e urbanística.
3. As comunidades autónomas, de acordo coas características do seu territorio, poderán determina-la dimensión da unidade administrativa mínima que será considerada monte para os efectos da aplicación desta lei.
Artigo 6. Definicións.
Para os efectos desta lei, defínense os seguintes termos:
a) Forestal: todo aquilo relativo ós montes.
b) Especie forestal: especie arbórea, arbustiva, de matogueira ou herbácea que non é característica de forma exclusiva do cultivo agrícola.
c) Xestión: o conxunto de actividades de índole técnica e material relativas á conservación, á mellora e ó aproveitamento do monte.
d) Silvicultura: conxunto de técnicas que tratan da conservación, mellora, aproveitamento e rexeneración ou, se é o caso, restauración, das masas forestais.
e) Xestión forestal sustentable: a organización, administración e uso dos montes de forma e intensidade que permita mante-la súa biodiversidade, productividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional e global, e sen lles producir danos a outros ecosistemas.
f) Repoboación forestal: introducción de especies forestais nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.
g) Forestación: repoboación, mediante sementeira ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.
h) Reforestación: reintroducción de especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes, pero que quedaron rasos a causa de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.
i) Aproveitamentos forestais: os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal, os de cortiza, pastos, caza, froitos, fungos, plantas aromáticas e medicinais, productos apícolas e os demais productos e servicios con valor de mercado característicos dos montes.
j) Plan de aproveitamento: documento que describe o obxecto do aproveitamento e especifica a organización e medios que hai que empregar, incluídas extracción e saca e, se é o caso, as medidas para garanti-la sustentabilidade de acordo coas prácticas de boa xestión recollidas na normativa da comunidade autónoma ou nas directrices do PORF.
k) Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte.
l) Cambio do uso forestal: toda actuación material ou acto administrativo que lle faga perder ó monte o seu carácter de tal.
m) Instrumentos de xestión forestal: baixo esta denominación inclúense os proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos, plans técnicos ou outras figuras equivalentes.
n) Proxecto de ordenación de montes: documento que sintetiza a organización no tempo e o espacio da utilización sustentable dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, nun monte ou grupo de montes, para o cal debe incluír unha descrición pormenorizada do terreo forestal nos seus aspectos ecolóxicos, legais, sociais e económicos e, en particular, un inventario forestal cun nivel de detalle tal que permita a toma de decisións en canto á silvicultura que hai que aplicar en cada unha das unidades do monte e á estimación das súas rendas.
ñ) Plan dasocrático ou plan técnico: proxecto de ordenación de montes que, pola súa singularidade —pequena extensión; funcións preferentes distintas ás de producción de madeira ou cortiza; masas inmaturas (sen arboredo en idade de corta), etc.— precisan unha regulación máis sinxela da xestión dos seus recursos arbóreos. En consonancia, o inventario forestal poderá ser máis simplificado, aínda que será necesario que incorpore información sobre densidades en número de pés e áreas basimétricas, en caso de montes arborizados.
o) Monte ordenado: o que dispón de instrumento de xestión forestal vixente.
p) Certificación forestal: procedemento voluntario polo que unha terceira parte independente proporciona unha garantía escrita tanto de que a xestión forestal é conforme con criterios de sustentabilidade como de que se realiza un seguimento fiable desde a orixe dos productos forestais.
q) Axente forestal: axente da autoridade pertencente ás administracións públicas que, de acordo coa súa propia normativa e con independencia da denominación corporativa específica, pode ter encomendadas, entre outras funcións, as de policía e custodia dos bens xurídicos de natureza forestal.
CAPÍTULO II
Competencias das administracións públicas
Artigo 7. Administración xeral do Estado.
1. Correspóndenlle á Administración xeral do Estado nas materias relacionadas con esta lei as seguintes competencias de forma exclusiva:
a) A xestión dos montes da súa titularidade.
b) A representación internacional de España en materia forestal.
2. Así mesmo, correspóndenlle á Administración xeral do Estado, en colaboración coas comunidades autónomas e sen prexuízo das súas competencias nestes ámbitos, as funcións que se citan a continuación:
a) A definición dos obxectivos xerais da política forestal española. En particular, aprobará os seguintes documentos:
1º Estratexia forestal española. 2º Plan Forestal Español.
3º Programa de acción nacional contra a desertificación.
4º Plan nacional de actuacións prioritarias de restauración hidrolóxico-forestal.
b) A recompilación, elaboración e sistematización da información forestal para manter e actualiza-la estatística forestal española.
c) A normalización dos medios materiais para a extinción de incendios forestais en todo o territorio español, así como o despregamento de medios estatais de apoio ás comunidades autónomas, para completa-la cobertura dos montes contra incendios.
d) O exercicio das funcións necesarias para a adopción de medidas fitosanitarias urxentes, así como velar pola adecuada execución, coordinación e seguimento delas, en situacións excepcionais en que exista grave perigo de extensión de pragas forestais, de conformidade co artigo 16 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.
e) A promoción de plans de formación e emprego do sector forestal.
f) A elaboración de programas de mellora xenética e conservación de recursos xenéticos forestais de ámbito nacional, así como o establecemento de normas básicas sobre procedencia, producción, utilización e comercialización dos materiais forestais de reproducción e, en particular, a determinación das súas rexións de procedencia e o mantemento do Rexistro e do Catálogo Nacional de Materiais de Base.
g) A elaboración e aprobación das instruccións básicas para a ordenación e aproveitamento de montes.
h) As actuacións de restauración hidrolóxico-forestal.
i) O fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica no ámbito forestal.
3. Correspóndelle, así mesmo, á Administración xeral do Estado o exercicio daqueloutras competencias que lle confire a lexislación e, en particular:
a) A coordinación da conservación do Catálogo de Montes de Utilidade Pública, así como a do Rexistro de Montes Protectores.
b) A coordinación no establecemento e mantemento das redes europeas de parcelas para o seguimento das interaccións do monte co ambiente.
1. As comunidades autónomas exercen aquelas competencias que en materia de montes e aproveitamentos forestais, e as que en virtude doutros títulos competenciais que inciden nesta lei, teñen atribuídas nos seus estatutos de autonomía.
2. A Comunidade Foral de Navarra exerce as competencias en materia de montes e aproveitamentos forestais nos termos previstos na Lei orgánica 13/1982, do 10 de agosto, de reintegración e amelloramento do Réxime Foral de Navarra.
Artigo 9. Administración local.
As entidades locais, no marco da lexislación básica do Estado e da lexislación das comunidades autónomas, exercen as competencias seguintes:
a) A xestión dos montes da súa titularidade non incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública.
b) A xestión dos montes catalogados da súa titularidade cando así se dispoña na lexislación forestal da comunidade autónoma.
c) A disposición do rendemento económico dos aproveitamentos forestais de tódolos montes da súa titularidade, sen prexuízo do disposto no artigo 38 en relación co fondo de melloras de montes catalogados ou, se é o caso, do disposto na normativa autonómica.
d) A emisión de informe preceptivo no procedemento de elaboración dos instrumentos de xestión relativos ós montes da súa titularidade incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública.
e) A emisión doutros informes preceptivos previstos nesta lei, relativos ós montes da súa titularidade.
f) Aqueloutras que, na materia obxecto desta lei, lles atribúa, de maneira expresa, a lexislación forestal da comunidade autónoma ou outras leis que resulten de aplicación.
Artigo 10. Órganos de coordinación e consultivo da política forestal española.
1. Correspóndelle á Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, asistida pola Comisión Nacional de Protección da Natureza, a coordinación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas para a preparación, estudio e desenvolvemento das cuestións propias da política forestal española. Para estes efectos, constitúese no seo da Comisión Nacional o Comité Forestal como órgano de traballo específico nesta materia.
2. O Consello Nacional de Bosques é o órgano consultivo e asesor da Administración xeral do Estado en materia de montes e recursos forestais e serve como instrumento de participación de todas aquelas partes interesadas na planificación e organización do sector forestal.
TÍTULO II
Clasificación e réxime xurídico dos montes
CAPÍTULO I
Clasificación dos montes
Artigo 11. Montes públicos e montes privados.
1. Por razón da súa titularidade os montes poden ser públicos ou privados.
2. Son montes públicos os pertencentes ó Estado, ás comunidades autónomas, ás entidades locais e a outras entidades de dereito público.
3. Son montes privados os pertencentes a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, xa sexa individualmente ou en réxime de copropiedade.
4. Os montes veciñais en man común teñen natureza especial derivada da súa propiedade en común, suxeita ás limitacións de indivisibilidade, inalleabilidade, imprescritibilidade e inembargabilidade. Sen prexuízo do previsto no artigo 2.1 desta lei, aplicaráselle-lo disposto para os montes privados.
Artigo 12. Montes de dominio público e montes patrimoniais.
1. Son de dominio público ou demaniais e integran o dominio público forestal:
a) Por razóns de servicio público, os montes incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública á entrada en vigor desta lei, así como os que se inclúan nel de acordo co artigo 16.
b) Os montes comunais, pertencentes ás entidades locais, mentres o seu aproveitamento lle corresponda ó común dos veciños.
c) Aqueloutros montes que, sen reuniren as características anteriores, fosen afectados a un uso ou servicio público.
2. Son montes patrimoniais os de propiedade pública que non sexan demaniais.
Artigo 13. Montes catalogados de utilidade pública.
A partir da entrada en vigor desta lei, as comunidades autónomas poderán incluír no Catálogo de Montes de Utilidade Pública os montes públicos comprendidos nalgún dos seguintes supostos:
a) Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte a procesos de erosión.
b) Os situados en cabeceiras de bacías hidrográficas e aqueloutros que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico, evitando ou reducindo noiros, riadas e enchentes e defendendo poboacións, cultivos e infraestructuras.
c) Os que eviten ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestructuras contra o vento.
d) Os que sen reuniren plenamente no seu estado actual as características descritas nas alíneas a), b) ou
c) sexan destinados á repoboación ou mellora forestal cos fins de protección neles indicados.
e) Os que contribúan á conservación da diversidade biolóxica, a través do mantemento dos sistemas ecolóxicos, á protección da flora e da fauna ou á preservación da diversidade xenética e, en particular, os que constitúan ou formen parte de espacios naturais protexidos, zonas de especial protección para as aves, zonas de especial conservación ou outras figuras legais de protección, así como os que constitúan elementos relevantes da paisaxe.
f) Aqueloutros que estableza a comunidade autónoma na súa lexislación.
CAPÍTULO II
Réxime xurídico dos montes públicos
Artigo 14. Réxime xurídico dos montes demaniais.
Os montes do dominio público forestal son inalleables, imprescritibles e inembargables e non están suxeitos a ningún tributo que grave a súa titularidade.
Artigo 15. Réxime de usos no dominio público forestal.
1. A Administración xestora dos montes demaniais poderalles dar carácter público a aqueles usos respectuosos co medio natural, sempre que se realicen sen ánimo de lucro e de acordo coa normativa vixente, en particular co previsto nos instrumentos de planificación e xestión aplicables, e cando sexan compatibles cos aproveitamentos, autorizacións ou concesións legalmente establecidos.
2. A Administración xestora dos montes demaniais someterá a outorgamento de autorizacións aquelas actividades que, de acordo coa normativa autonómica, a requiran pola súa intensidade, perigosidade ou rendibilidade. Nos montes catalogados será preceptivo o informe favorable do órgano forestal da comunidade autónoma.
3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, os aproveitamentos forestais no dominio público forestal rexeranse polo que se establece nos artigos 36 e 37 desta lei.
4. A Administración xestora dos montes demaniais someterá a outorgamento de concesión todas aquelas actividades que impliquen unha utilización privativa do dominio público forestal. Nos montes catalogados, esta concesión requirirá o informe favorable de compatibilidade coa persistencia dos valores naturais do monte por parte do órgano forestal da comunidade autónoma.
Artigo 16. Catálogo de Montes de Utilidade Pública.
1. O Catálogo de Montes de Utilidade Pública é un rexistro público de carácter administrativo en que se inscriben tódolos montes declarados de utilidade pública.
2. A inclusión e exclusión de montes no Catálogo de Montes de Utilidade Pública e a conservación deste correspóndelles ás comunidades autónomas nos seus respectivos territorios. As comunidades autónomas daranlle traslado ó Ministerio de Medio Ambiente das inscricións que practiquen así como das resolucións administrativas e sentencias xudiciais firmes que comporten modificacións no catálogo, incluídas as que atinxen a permutas, prevalencias e resolucións que, con carácter xeral, supoñan a revisión e actualización dos montes catalogados.
3. A inclusión no Catálogo de Montes de Utilidade Pública dos montes públicos a que se refire o artigo 13 farase de oficio ou por instancia do titular, e adoptarase por acordo do órgano competente que determine cada comunidade autónoma, por proposta do seu respectivo órgano forestal, logo de instrucción do correspondente procedemento en que deberá ser oída a Administración titular e, se é o caso, os titulares de dereitos sobre os devanditos montes.
4. A exclusión dun monte do Catálogo de Montes de Utilidade Pública só procederá cando perdese as características polas que foi catalogado e regularase polo procedemento descrito no punto anterior. A exclusión parcial ou permuta dunha parte non significativa dun monte catalogado poderá ser autorizada pola comunidade autónoma, por proposta do seu órgano forestal, sempre que supoña unha mellor definición da superficie do monte ou unha mellora para a súa xestión e conservación.
5. Con carácter excepcional, a comunidade autónoma, logo de informe do seu órgano forestal e, se é o caso, da entidade titular, poderá autoriza-la exclusión ou permuta dunha parte dun monte catalogado por razóns distintas ás previstas no punto anterior.
Artigo 17. Desafectación de montes demaniais.
1. A desafectación dos montes catalogados do dominio público forestal requirirá, sen prexuízo do previsto no artigo 18.4, a súa previa exclusión do catálogo.
2. A desafectación dos restantes montes demaniais será tramitada pola súa Administración titular e requirirá, en todo caso, o informe favorable do órgano forestal da comunidade autónoma.
3. A comunidade autónoma regulará o procedemento de desafectación dos montes demaniais.
Artigo 18. Efectos xurídicos da inclusión dos montes no Catálogo de Montes de Utilidade Pública.
1. A titularidade que no catálogo se lle asigne a un monte só se pode impugnar en xuízo declarativo ordinario de propiedade ante os tribunais civís, non se permitindo o exercicio das accións reais do artigo 41 da Lei hipotecaria.
2. Nos casos en que se promovan xuízos declarativos ordinarios de propiedade de montes catalogados, será parte demandada a comunidade autónoma, ademais de, se é o caso, a entidade titular do monte.
3. A Administración titular ou xestora inscribirá os montes catalogados, así como calquera dereito sobre eles, no Rexistro da Propiedade, mediante certificación acompañada por un plano topográfico do monte ou o levantado para o deslinde, a escala apropiada. Na certificación expedida para a devandita inscrición incluirase a referencia catastral do inmoble ou inmobles que constitúan o monte catalogado, de acordo coa Lei 48/2002, do 23 de decembro, do catastro inmobiliario.
4. Cando un monte catalogado estea afectado por un expediente do cal se poida derivar outra declaración de demanialidade distinta da forestal, coa excepción dos declarados como de interese xeral polo Estado, e sen prexuízo do que, se é o caso, dispoña a declaración de impacto ambiental, as administracións competentes buscarán canles de cooperación co obxecto de determinar cál de tales declaracións debe prevalecer. No suposto de discrepancia entre as administracións, resolverá, segundo a Administración que tramitase o expediente, o Consello de Ministros ou o órgano que a comunidade autónoma determine. En caso de que ambas foran compatibles, a Administración que xestionase o expediente tramitará, en peza separada, expediente de concorrencia, co fin de harmoniza-lo dobre carácter demanial.
Artigo 19. Características xurídicas dos montes patrimoniais.
1. A usucapión ou prescrición adquisitiva dos montes patrimoniais só se dará mediante a posesión en concepto de dono, pública, pacífica e non interrompida durante 30 anos.
2. Entenderase interrompida a posesión para os efectos da prescrición pola realización de aproveitamentos forestais, pola iniciación de expedientes sancionadores ou por calquera acto posesorio realizado pola Administración propietaria do monte.
CAPÍTULO III
Recuperación posesoria e deslinde dos montes públicos
Artigo 20. Investigación e recuperación posesoria dos montes demaniais.
1. Os titulares dos montes demaniais, xunto coa Administración xestora nos montes catalogados, poderán investiga-la situación de terreos que se teñan por pertencentes ó dominio público forestal, para o efecto do cal poderán solicitar tódolos datos e informes que se consideren necesarios.
2. Os titulares dos montes demaniais, xunto coa Administración xestora nos montes catalogados, poderán exerce-la potestade de recuperación posesoria dos posuídos indebidamente por terceiros, que non estará sometida a prazo e respecto á que non se admitirán accións posesorias nin procedementos especiais.
Artigo 21. Deslinde de montes de titularidade pública.
1. Os titulares dos montes públicos, xunto coa Administración xestora nos montes catalogados, gozarán da potestade de deslinde administrativo dos seus montes.
2. O deslinde poderase iniciar ben por instancia dos particulares interesados, ben de oficio polas entidades titulares ou polo órgano forestal da comunidade autónoma en caso de montes catalogados. A iniciación do expediente anunciarase no boletín oficial da comunidade autónoma correspondente e mediante fixación de edictos nos concellos, e notificaráselles en forma ós estremeiros e ós interesados.
3. O deslinde dos montes non catalogados axustarase
ó procedemento que determinen as respectivas
administracións públicas titulares.
O deslinde dos montes catalogados axustarase ó procedemento
que determinen as comunidades autónomas
e, cando afecte a montes de titularidade estatal, será
preceptivo o informe da Avogacía do Estado.
4. Os deslindes deberanse aprobar á vista dos documentos acreditativos ou situacións de posesión cualificada que acrediten a titularidade pública do monte obxecto do deslinde, e establecerán os seus límites coas súas cabidas e plano, debendo concretarse igualmente os gravames existentes.
5. Soamente terán valor e eficacia no acto do apeo os títulos de dominio inscritos no Rexistro da Propiedade e aqueloutros que a Administración titular e o órgano forestal da comunidade autónoma consideren con valor posesorio suficiente.
6. O deslinde aprobado e firme supón a delimitación do monte e declara con carácter definitivo o seu estado posesorio, a reserva do que puidese resultar dun xuízo declarativo de propiedade.
7. A resolución aprobatoria do deslinde deberase publicar e notificárselles debidamente ós interesados e estremeiros. Contra esta poderán recorre-las persoas afectadas ante a xurisdicción contencioso-administrativa, unha vez esgotada a vía administrativa, por razóns de competencia ou procedemento, e ante a xurisdicción ordinaria se o que se discute é o dominio, a posesión ou calquera outro dereito real.
8. A resolución definitiva do expediente de deslinde é título suficiente, segundo o caso, para a inmatriculación do monte, para a inscrición de rectificación da descrición dos predios afectados e para a cancelación das anotacións practicadas con motivo do deslinde en predios excluídos do monte deslindado. Esta resolución non será título suficiente para rectifica-los dereitos anteriormente inscritos a favor dos terceiros a que se refire o artigo 34 da Lei hipotecaria.
9. Unha vez que o acordo de aprobación do deslinde fose firme, procederase á colocación de marcos, con participación, se é o caso, dos interesados.
10. Poderase pedir a nome do Estado ou da comunidade autónoma, e será acordado polos xuíces e tribunais, a nulidade de actuacións nos procedementos xudiciais a que se refire este artigo cando non fose emprazada ó seu debido tempo a representación procesual do Estado ou a da comunidade autónoma, calquera que sexa o estado en que se encontren os referidos procedementos.
CAPÍTULO IV
Réxime dos montes privados
Artigo 22. Asentos rexistrais de montes privados.
1. Toda inmatriculación ou inscrición de exceso de cabida no Rexistro da Propiedade dun monte ou dun predio estremeiro con monte demanial ou situado nun termo municipal en que existan montes demaniais requirirá o informe previo favorable dos titulares dos devanditos montes e, para os montes catalogados, o do órgano forestal da comunidade autónoma.
2. Tales informes entenderanse favorables se desde a súa solicitude polo rexistrador da propiedade transcorre un prazo de tres meses sen que se recibise contestación. A nota marxinal de presentación terá unha validez de catro meses.
3. Para os montes catalogados, os informes favorables ou o silencio administrativo positivo derivado do punto 2 non impedirán o exercicio pola Administración das oportunas accións destinadas á corrección do correspondente asento rexistral.
Artigo 23. Xestión dos montes privados.
1. Os montes privados son xestionados polo seu titular.
2. Os titulares destes montes poderán contrata-la súa xestión con persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado ou cos órganos forestais das comunidades autónomas onde o monte radique.
3. A xestión destes montes axustarase, se é o caso, ó correspondente instrumento de xestión ou planificación forestal. A aplicación dos devanditos instrumentos será supervisada polo órgano forestal da comunidade autónoma.
Artigo 24. Clasificación e rexistro de montes protectores.
1. As comunidades autónomas poderán cualificar como protectores, por instancia do propietario, aqueles montes privados que cumpran algunha das condicións que para os montes públicos establece o artigo 13.
2. As comunidades autónomas poderán crear rexistros de montes protectores como rexistros de carácter administrativo.
3. A clasificación e desclasificación dun monte protector, ou parte deste, e a súa conseguinte inclusión ou a súa exclusión no rexistro de montes protectores faraa o órgano forestal da comunidade autónoma correspondente, logo de informe do propietario.
4. As comunidades autónomas deberán informa-lo Ministerio de Medio Ambiente, polo menos unha vez ó ano, da inclusión de montes nos rexistros de montes protectores.
CAPÍTULO V
Dereito de adquisición preferente e unidades mínimas de actuación forestal
Artigo 25. Dereito de adquisición preferente. Tanteo e retracto.
1. As comunidades autónomas terán dereito de adquisición preferente, coa reserva do disposto no punto 2, nos seguintes casos de transmisións onerosas:
a) De montes de superficie superior a un límite que terá que fixa-la comunidade autónoma correspondente.
b) De montes clasificados como protectores conforme o artigo 24.
2. En caso de predios ou montes situados nun monte público ou estremeiros con el, o dereito de adquisición preferente corresponderalle á Administración titular do monte estremeiro ou que contén o enclavado. En caso de montes estremeiros con outros pertencentes a distintas administracións públicas, terá prioridade no exercicio do dereito de adquisición preferente aquela omonte da cal teña maior linde común co monte en cuestión.
3. Non haberá dereito de adquisición preferente cando se trate de achega de capital en especie a unha sociedade en que os titulares transmitentes deberán ter unha participación maioritaria durante cinco anos como mínimo.
4. Para posibilita-lo exercicio do dereito de adquisición preferente a través da acción de tanteo, o transmitente deberalle notificar á Administración pública titular dese dereito de xeito que dea fe os datos relativos ó prezo e ás características da transmisión proxectada, a cal disporá dun prazo de tres meses, a partir da devandita notificación, para exerce-lo devandito dereito, mediante o aboamento ou a consignación do seu importe nas referidas condicións.
5. Os notarios e os rexistradores non autorizarán nin inscribirán, respectivamente, as correspondentes escrituras sen que se lles acredite previamente a práctica da devandita notificación de forma que dea fe.
6. Se se levase a efecto a transmisión sen a indicada notificación previa, ou sen segui-las condicións reflectidas nela, a Administración titular do dereito de adquisición preferente poderá exercer acción de retracto no prazo dun ano contado desde a inscrición da transmisión no Rexistro da Propiedade ou, no seu defecto, desde que a Administración tivese coñecemento oficial das condicións reais da devandita transmisión.
7. O dereito de retracto a que se refire este artigo é preferente a calquera outro.
Artigo 26. Límite á segregación de montes.
Serán indivisibles, salvo por causa non imputable ó propietario, as parcelas forestais de superficie inferior ó mínimo que establecerán as comunidades autónomas.
Artigo 27. Agrupación de montes.
As administracións públicas fomentarán a agrupación de montes, públicos ou privados, co obxecto de facilitar unha ordenación e xestión integrada mediante instrumentos de xestión forestal que asocien a pequenos propietarios.
TÍTULO III
Xestión forestal sustentable
CAPÍTULO I
Información forestal
Artigo 28. Estatística forestal española.
1. O Ministerio de Medio Ambiente coordinará cos demais órganos competentes da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas a elaboración da Estatística forestal española, que incluirá as seguintes materias:
a) O inventario forestal nacional e o seu correspondente mapa forestal de España.Por proposta da Comisión Nacional de Protección da Natureza ou do Consello Nacional de Bosques, o Ministerio de Medio Ambiente poderá incluír na Estatística forestal española outras operacións estatísticas.
b) O inventario nacional de erosión de solos.
c) Repoboacións e outras actividades forestais.
d) Relación de montes ordenados.
e) Producción forestal e actividades industriais forestais.
f) Incendios forestais.
g) Seguimento da interacción dos montes e o ambiente.
h) Caracterización do territorio forestal incluído na Rede Natura 2000.
2. Os órganos competentes en materia de estatística forestal das comunidades autónomas e as demais administracións públicas proporcionaranlle ó Ministerio de Medio Ambiente a información de carácter forestal do seu ámbito de competencia necesaria para elabora-la Estatística forestal española e atende-las demandas de información estatística dos organismos internacionais, así como para facilita-lo acceso do cidadán á información forestal. En particular, antes do terceiro cuadrimestre de cada ano, proporcionarán a información estatística forestal que elaborasen sobre o ano anterior.
3. O Ministerio de Medio Ambiente e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación establecerán procedementos de coordinación para que nos documentos da Estatística forestal española e da Estatística agroalimentaria, das súas respectivas competencias, exista unha identidade das definicións dos usos e aproveitamentos forestais e agrícolas, así como das superficies asignadas a cada un deles.
4. O Ministerio de Medio Ambiente porá a información contida na Estatística forestal española á disposición das comunidades autónomas e das entidades locais, das empresas e das industrias forestais e demais axentes interesados.
5. A información utilizada para a elaboración da Estatística forestal española quedará integrada no banco de datos da natureza. Periodicamente, o Ministerio de Medio Ambiente elaborará e publicará un informe forestal español, a partir da análise dos datos da Estatística forestal española.
6. O inventario forestal nacional e o mapa forestal de España, así como o inventario nacional de erosión de solos, terán carácter continuo e unha periodicidade de actualización polo menos decenal. A súa elaboración farase aplicando criterios e metodoloxía comúns para todo o territorio español.
CAPÍTULO II
Planificación forestal
Artigo 29. Estratexia forestal española.
1. A Estratexia forestal española, como documento de referencia para establece-la política forestal española, conterá o diagnóstico da situación dos montes e do sector forestal español, as previsións de futuro, de conformidade coas súas propias necesidades e cos compromisos internacionais contraídos por España, e as directrices que permiten articula-la política forestal española.
2. O Ministerio de Medio Ambiente, oídos os ministerios afectados, elaborará a Estratexia forestal española, coa participación das comunidades autónomas e co informe da Comisión Nacional de Protección da Natureza e do Consello Nacional de Bosques. O Consello de Ministros aprobará a Estratexia forestal española, mediante acordo e logo de informe da conferencia sectorial.
3. Cando as circunstancias así o aconsellen, a Estratexia forestal española será revisada por proposta da Comisión Nacional de Protección da Natureza ou do Consello Nacional de Bosques. A revisión tramitarase e aprobarase consonte o disposto no punto 2.
Artigo 30. Plan Forestal Español.
1. O Plan Forestal Español, como instrumento de planificación a longo prazo da política forestal española, desenvolverá a Estratexia forestal española.
2. O Ministerio de Medio Ambiente elaborará o Plan Forestal Español coa participación das comunidades autónomas, tendo en conta os plans forestais daquelas, e cos informes da Comisión Nacional de Protección da Natureza e do Consello Nacional de Bosques. O Consello de Ministros aprobará o Plan Forestal Español, mediante acordo e logo de informe da Conferencia Sectorial.
3. O Plan Forestal Español será revisado cada 10 anos, ou nun prazo inferior cando as circunstancias así o aconsellen, por proposta da Comisión Nacional de Protección da Natureza ou do Consello Nacional de Bosques.
A revisión tramitarase e aprobarase consonte o disposto no punto 2.
Artigo 31. Plans de ordenación dos recursos forestais.
1. As comunidades autónomas poderán elabora-los plans de ordenación de recursos forestais (PORF) como instrumentos de planificación forestal, constituíndose nunha ferramenta no marco da ordenación do territorio.
2. O contido destes plans será obrigatorio e executivo nas materias reguladas nesta lei. Asímesmo, terán carácter indicativo respecto de calquera outra actuación, plan ou programa sectorial.
3. Con carácter previo á elaboración dos PORF, as comunidades autónomas definirán os territorios que, de acordo con esta lei e coa súa normativa autonómica, teñen a consideración de monte.
4. O ámbito territorial dos PORF serán os territorios forestais con características xeográficas, socioeconómicas, ecolóxicas, culturais ou paisaxísticas homoxéneas, de extensión comarcal ou equivalente. Poderanse adaptar a aquelas comarcalizacións e divisións de ámbito subrexional formuladas pola ordenación do territorio ou outras específicas divisións administrativas propias das comunidades autónomas.
5. As comunidades autónomas, por proposta do seu órgano forestal, delimitarán os territorios forestais ós que se deberá dotar do seu correspondente PORF, cando as condicións de mercado dos productos forestais, os servicios e beneficios xerados polos montes ou calquera outro aspecto de índole forestal que se estime conveniente sexan de especial relevancia socioeconómica en tales territorios.
6. As comunidades autónomas, por proposta do seu órgano forestal, elaborarán e aprobarán os PORF e determinarán a documentación e o contido destes que, con independencia da súa denominación, poderán incluí-los seguintes elementos:
a) Delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico.
b) Descrición e análise dos montes e das paisaxes existentes nese territorio, dos seus usos e aproveitamentos actuais, en particular dos usos tradicionais, así como das figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias.
c) Aspectos xurídico-administrativos: titularidade, montes catalogados, mancomunidades, agrupacións de propietarios, proxectos de ordenación ou outros instrumentos de xestión ou planificación vixentes.
d) Características socioeconómicas: demografía, dispoñibilidade de man de obra especializada, taxas de paro, industrias forestais, incluídas as dedicadas ó aproveitamento enerxético da biomasa forestal e as destinadas ó desenvolvemento do turismo rural.
e) Zonificación por usos e vocación do territorio. Obxectivos, compatibilidades e prioridades.
f) Planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos fixados no plan, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico- forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes, incluíndo, cando proceda, a ordenación cinexética, piscícola e micolóxica.
g) Establecemento do marco en que se poderán subscribir acordos, convenios e contratos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes.
h) Establecemento das directrices para a ordenación e aproveitamento dos montes, garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade productiva dos montes.
i) Criterios básicos para o control, seguimento, avaliación e prazos para a revisión do plan.
7. A elaboración destes plans incluirá necesariamente a consulta ás entidades locais e, a través dos seus órganos de representación, ós propietarios forestais privados, a outros usuarios lexítimos afectados e ós demais axentes sociais e institucionais interesados, así como os trámites de información pública.
8. Cando exista un plan de ordenación de recursos naturais de conformidade coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, ou outro plan equivalente de acordo coa normativa autonómica, que abranga o mesmo territorio forestal que o delimitado segundo o punto 5, estes plans poderán te-lo carácter de PORF, sempre e cando conten co informe favorable do órgano forestal, cando este sexa distinto do órgano que aproba o PORN.
CAPÍTULO III
Ordenación de montes
Artigo 32. A xestión forestal sustentable. Instruccións básicas para a ordenación e o aproveitamento de montes.
1. Os montes deben ser xestionados de forma sustentable, integrando os aspectos ambientais coas actividades económicas, sociais e culturais, coa finalidade de conserva-lo medio natural ó mesmo tempo que xerar emprego e colaborar no aumento da calidade de vida e expectativas de desenvolvemento da poboación rural.
2. O Ministerio de Medio Ambiente e as comunidades autónomas, a través da Conferencia Sectorial logo de consulta ó Consello Nacional de Bosques, elaborarán unhas instruccións básicas para a ordenación e o aproveitamento de montes que deberán contar cun informe da Comisión Nacional de Protección da Natureza e propostas para a súa aprobación por real decreto. Estas instruccións determinarán necesariamente:
a) A adaptación ós montes españois dos criterios e indicadores de sustentabilidade, a súa avaliación e seguimento, de conformidade cos criterios establecidos en resolucións internacionais e convenios en que España sexa parte e, en particular, os requiridos para os montes incluídos na Rede Natura 2000.
b) O contido mínimo dos proxectos de ordenación e dos plans dasocráticos para a xestión sustentable dos montes e das súas correspondentes revisións.
Artigo 33. Proxectos de ordenación de montes e plans dasocráticos.
1. As administracións públicas impulsarán técnica e economicamente a ordenación de tódolos montes.
2. Os montes públicos deberán contar cun proxecto de ordenación de montes, plan dasocrático ou outro instrumento de xestión equivalente. As comunidades autónomas determinarán en qué casos procede cada un.
Estarán exentos da obriga establecida no punto anterior os montes de superficie inferior ó mínimo que determinarán as comunidades autónomas de acordo coas características do seu territorio forestal.
3. A elaboración dos devanditos instrumentos farase por instancia do titular do monte ou do órgano forestal da comunidade autónoma, debendo ser aprobados, en todo caso, por este último.
4. O contido mínimo dos proxectos de ordenación de montes e plans dasocráticos determinarase nas instruccións básicas para a ordenación e o aproveitamento de montes establecidas no artigo 32 desta lei. A elaboración destes instrumentos deberá ser dirixida e supervisada por profesionais con titulación forestal universitaria e deberá ter como referencia, se é o caso, o PORF no ámbito do cal se encontre o monte.
5. O órgano forestal da comunidade autónoma regulará en qué casos pode ser obrigatorio dispor de instrumento de xestión para os montes protectores e outros montes privados.
Artigo 34. Xestión de montes catalogados e montes protectores.
1. Os montes catalogados emontes protectores que se correspondan coas condicións establecidas nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 13 xestionaranse co fin de logra-la máxima estabilidade da masa forestal, aplicando métodos silvícolas que persigan prioritariamente o control da erosión, do perigo de incendio, dos danos por neve, vendavais, enchentes e riadas ou doutros riscos para as características protectoras do monte.
2. Aqueles que deban a súa catalogación ou clasificación como protectores ó cumprimento das condicións establecidas no artigo 13.e) xestionaranse garantindo o mantemento nun estado de conservación favorable ou, se é o caso, a restauración dos valores que motivaron as devanditas clasificacións.
Artigo 35. Certificación forestal.
As administracións públicas procurarán que as condicións de transparencia, voluntariedade, ausencia de discriminación e libre competencia se cumpran por parte de tódolos sistemas de certificación forestal.
CAPÍTULO IV
Aproveitamentos forestais
Artigo 36. Aproveitamentos forestais.
1. O titular do monte será en tódolos casos o propietario dos recursos forestais producidos no seu monte, incluídos froitos espontáneos, e terá dereito ó seu aproveitamento conforme o establecido nesta lei e na normativa autonómica.
2. Os aproveitamentos dos recursos forestais realizaranse de acordo coas prescricións para a xestión de montes establecidas nos correspondentes plans de ordenación de recursos forestais, cando existan. Axustaranse tamén, se é o caso, ó que concretamente se consigne no proxecto de ordenación de montes, plan dasocrático ou instrumento de xestión equivalente vixente.
3. O órgano forestal da comunidade autónoma regulará os aproveitamentos non madeireiros. Estes aproveitamentos, e en particular o de pastos, deberán estar, se é o caso, expresamente regulados nos correspondentes instrumentos de xestión forestal ou PORF no ámbito do cal se encontre o monte en cuestión.
4. Os aproveitamentos nos montes do dominio público forestal poderán ser alleados polos seus titulares no marco do establecido no artigo 15, así como do previsto na lexislación patrimonial que lles resulte de aplicación.
5. Os aproveitamentos nos montes afectados polas zonas de servidume, policía, ou afección dos dominios públicos hidráulico, marítimo-terrestre, de estradas ou ferroviario non precisarán da autorización dos órganos competentes dos devanditos dominios, sempre e cando tales montes dispoñan de instrumentos de xestión a aprobación dos cales polo órgano forestal da comunidade autónoma contase co informe favorable dos órganos de xestión dos dominios públicos mencionados.
Artigo 37. Aproveitamentos madeireiros e leñosos.
Os aproveitamentos madeireiros e leñosos serán regulados polo órgano forestal da comunidade autónoma. Nos montes non xestionados polo devandito órgano forestal, estes aproveitamentos estarán sometidos ás seguintes condicións básicas:
a) Cando exista proxecto de ordenación, plan dasocrático ou instrumento de xestión equivalente, ou o monte estea incluído no ámbito de aplicación dun PORF e este así o prevexa, o titular da explotación do monte deberalle notificar previamente o aproveitamento ó órgano forestal da comunidade autónoma, co obxecto de que este poida comproba-la súa conformidade co previsto no instrumento de xestión ou, se é o caso, de planificación. A denegación ou condicionamento do aproveitamento só se poderá producir no prazo que determine a normativa autonómica mediante resolución motivada, entendéndose aceptado en caso de non recaer resolución expresa no devandito prazo.
b) En caso de non existiren os devanditos instrumentos, o titular da explotación do monte deberalle comunicar previamente ó órgano forestal da comunidade autónoma o seu plan de aproveitamento de acordo coa regulación autonómica para o efecto. Este órgano emitirá unha autorización preceptiva para o devandito aproveitamento no prazo que determine a comunidade autónoma. En caso de silencio administrativo entenderase estimada a solicitude. Se a contestación fose negativa deberase xustificar tecnicamente.
Artigo 38. Fondo de melloras en montes catalogados.
As entidades locais titulares de montes catalogados aplicarán a un fondo de melloras, o destino do cal será a conservación e mellora dos montes incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública, unha contía que fixarán as comunidades autónomas e que non será inferior ó 15 por cento do valor dos seus aproveitamentos forestais ou dos rendementos obtidos por ocupacións ou outras actividades desenvolvidas no monte. Este fondo será administrado polo órgano forestal da comunidade autónoma, salvo que esta llo transfira á entidade local titular.
TÍTULO IV
Conservación e protección de montes
CAPÍTULO I
Usos do solo
Artigo 39. Delimitación do uso forestal no planeamento urbanístico.
Os instrumentos de planeamento urbanístico, cando afecten a cualificación de terreos forestais, requirirán o informe da Administración forestal competente. Este informe será vinculante se se trata de montes catalogados ou protectores.
Artigo 40. Cambio do uso forestal e modificación da cuberta vexetal.
1. O cambio do uso forestal dun monte cando non estea motivado por razóns de interese xeral, e sen prexuízo do disposto no artigo 18.4 e da normativa ambiental aplicable, terá carácter excepcional e requirirá informe favorable do órgano forestal competente e, se é o caso, do titular do monte.
2. A Administración forestal competente poderá regular un procedemento máis simplificado para a autorización do cambio de uso naquelas plantacións forestais temporais para as que se solicite unha reversión a usos anteriores non forestais.
3. A Administración forestal competente regulará os casos en que, sen se producir cambio de uso forestal, se requira autorización para a modificación substancial da cuberta vexetal do monte.
CAPÍTULO II
Conservación de solos, loita contra a erosión e a desertificación e restauración hidrolóxico-forestal
Artigo 41. Plan Nacional de Actuacións Prioritarias de Restauración Hidrolóxico-Forestal e Programa de Acción Nacional contra a Desertificación.
1. Correspóndelle ó Ministerio de Medio Ambiente, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e coas comunidades autónomas, a elaboración e aprobación do Programa de Acción Nacional contra a Desertificación. A aplicación e seguimento do programa efectuarase de forma coordinada entre o Ministerio de Medio Ambiente, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as comunidades autónomas.
2. O Programa de Acción Nacional contra a Desertificación terá como obxectivos a prevención e a reducción da degradación das terras, a rehabilitación de terras parcialmente degradadas e a recuperación de terras desertificadas para contribuír ó logro do desenvolvemento sustentable das zonas áridas, semiáridas e subhúmidas secas do territorio español.
3. Asímesmo, correspóndelle óMinisterio de Medio Ambiente, en colaboración coas comunidades autónomas, a elaboración e aprobación do Plan Nacional de Actuacións Prioritarias de Restauración Hidrolóxico-Forestal. A aplicación e seguimento do plan efectuaranse de forma coordinada entre o Ministerio de Medio Ambiente e as comunidades autónomas.
4. O Plan Nacional de Actuacións Prioritarias de Restauración Hidrolóxico-Forestal diagnosticará e identificará, por subbacías, os procesos erosivos, clasificándoos segundo a intensidade deles e o seu risco potencial para poboacións, cultivos e infraestructuras, definindo as zonas prioritarias de actuación, valorando as accións que cómpre realizar e establecendo a priorización e programación temporal delas.
Na elaboración ou posterior aplicación do plan, as comunidades autónomas poderán delimitar zonas de perigo por risco de inundacións ou intrusións de neve que afecten poboacións ou asentamentos humanos. Estas zonas deberán contar con plans específicos de restauración hidrolóxico-forestal de actuación obrigatoria para tódalas administracións públicas.
Artigo 42. Declaración do interese xeral das actuacións de restauración hidrolóxico-forestal fóra do dominio público hidráulico.
O Ministerio de Medio Ambiente poderá declarar de interese xeral actuacións de restauración hidrolóxico-forestal fóra do dominio público hidráulico por petición das comunidades autónomas afectadas.
CAPÍTULO III
Incendios forestais
Artigo 43. Defensa contra incendios forestais.
Correspóndelles ás administracións públicas competentes a responsabilidade da organización da defensa contra os incendios forestais. Para tal fin, deberán adoptar, de modo coordinado, medidas conducentes á prevención, detección e extinción dos incendios forestais, calquera que sexa a titularidade dos montes.
Artigo 44. Prevención dos incendios forestais.
1. A Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas organizarán coordinadamente programas específicos de prevención de incendios forestais baseados en investigacións sobre a súa causalidade e, en particular, sobre as motivacións que poidan ocasionar intencionalidade na súa orixe.
2. Así mesmo, as administracións públicas desenvolverán programas de concienciación e sensibilización para a prevención de incendios forestais, fomentando a participación social e favorecendo a corresponsabilidade da poboación na protección do monte.
3. As comunidades autónomas regularán en montes e áreas estremeiras o exercicio de todas aquelas actividades que poidan dar lugar a risco de incendio, e establecerán normas de seguridade aplicables ás urbanizacións, outras edificacións, obras, instalacións eléctricas e infraestructuras de transporte en terreos forestais e as súas inmediacións, que poidan implicar perigo de incendios ou seren afectadas por estes. Así mesmo, poderán establecer limitacións ó tránsito polos montes, chegando a suprimilo cando o perigo de incendios o faga necesario.
4. As forzas e os corpos de seguridade do Estado, así como as institucións autonómicas e locais, cada un de conformidade coa súa normativa reguladora e no exercicio das súas competencias e, se é o caso, de conformidade coa planificación en materia de protección civil, intervirán na prevención dos incendios forestais mediante vixilancia disuasoria e investigación específica das causas e na mobilización de persoal e medios para a extinción.
5. As administracións públicas poderán regula-la constitución de grupos de voluntarios para colaborar na prevención e extinción e coidarán da formación das persoas seleccionadas para desenvolver estas tarefas. Igualmente fomentarán as agrupacións de propietarios de montes e demais persoas ou entidades interesadas na conservación dos montes e na súa defensa contra os incendios.
Artigo 45. Obriga de aviso.
Toda persoa que advirta a existencia ou iniciación dun incendio forestal estará obrigada a avisa-la autoridade competente ou os servicios de emerxencia e, se é o caso, a colaborar, dentro das súas posibilidades, na extinción do incendio.
Artigo 46. Organización da extinción dos incendios forestais.
1. Correspóndelle á Administración xeral do Estado, en coordinación coas comunidades autónomas, a homologación da formación, preparación e equipamento do persoal e a normalización dos medios materiais que interveñan nos traballos de extinción contra incendios forestais. O seguimento destas medidas correspóndelle á Comisión Nacional de Protección da Natureza, asistida polo Comité de Loita contra Incendios Forestais.
2. O órgano competente da comunidade autónoma establecerá para a extinción de cada incendio, salvo naqueles que se xulgue innecesario pola súa pequena entidade, un mando unificado e estructurado por funcións, baseado nos obxectivos de eficacia e seguridade. O director técnico da extinción será un profesional que recibise formación acreditada específica sobre comportamento do lume forestal e técnicas adecuadas para a súa extinción.
3. En caso de incendios en zonas limítrofes de dúas ou máis comunidades autónomas, os órganos competentes destas coordinarán os seus dispositivos de extinción. Cando se solicite nestes incendios a intervención de medios da Administración xeral do Estado, esta poderalles esixir ás comunidades autónomas afectadas a constitución dunha dirección unificada dos traballos de extinción. Pola súa vez, a Administración xeral do Estado poderá, por pedimento das comunidades autónomas, destinar persoal técnico cualificado para asesora-la devandita dirección unificada.
4. En caso de declaración de situación de emerxencia, seguirase o disposto na normativa de protección civil para emerxencia por incendios forestais.
Artigo 47. Traballos de extinción.
1. Nos traballos de extinción de incendios forestais, o director técnico da operación ten a condición de axente da autoridade e poderá mobilizar medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións. Así mesmo, poderá dispor, cando sexa necesario e aínda que non se poida contar coa autorización dos propietarios respectivos, a entrada de equipos e medios en predios forestais ou agrícolas, a circulación por camiños privados, a apertura de brechas en muros ou cercas, a utilización de augas, a apertura de devasas de urxencia e a queima anticipada mediante a aplicación de contralumes, en zonas en que se estime que, dentro dunha normal previsión, poden ser consumidas polo incendio. A autoridade local poderá mobilizar medios públicos ou privados adicionais para actuar na extinción, segundo o plan de operación do director técnico.
2. Considerarase prioritaria a utilización polos servicios de extinción das infraestructuras públicas, tales como estradas, liñas telefónicas, aeroportos, encoros, portos de mar e todas aquelas necesarias para a comunicación e aprovisionamento dos devanditos servicios, sen prexuízo das normas específicas de utilización de cada unha delas.
3. A Administración responsable da extinción asumirá a defensa xurídica do director técnico e do persoal baixo o seu mando nos procedementos seguidos ante as ordes xurisdiccionais civil e penal por posibles responsabilidades derivadas das ordes impartidas e as accións executadas en relación coa extinción do incendio.
Artigo 48. Zonas de alto risco de incendio.
1. Aquelas áreas en que a frecuencia ou virulencia dos incendios forestais e a importancia dos valores ameazados fagan necesarias medidas especiais de protección contra os incendios, poderán ser declaradas zonas de alto risco de incendio ou de protección preferente.
2. Correspóndelles ás comunidades autónomas a declaración de zonas de alto risco e a aprobación dos seus plans de defensa.
3. Para cada unha destas zonas formularase un plan de defensa que, como mínimo, deberá ter en conta:
a) Os problemas socioeconómicos que poidan existir na zona e que se manifesten a través da provocación reiterada de incendios ou do uso neglixente do lume, así como a determinación das épocas do ano de maior risco de incendios forestais.
b) Os traballos de carácter preventivo que resulte necesario realizar, incluíndo os tratamentos silvícolas que procedan, áreas de devasas, vías de acceso e puntos de auga que deban realiza-los propietarios dos montes da zona, así como os prazos de execución. Así mesmo, o plan de defensa conterá as modalidades de execución dos traballos, en función do estado legal dos terreos, mediante convenios, acordos, cesión temporal dos terreos á Administración, axudas ou subvencións ou, se é o caso, execución subsidiaria pola Administración.
c) O establecemento e dispoñibilidade dos medios de vixilancia e extinción necesarios para dar cobertura a toda a superficie forestal da zona, coas previsións para o seu financiamento.
d) A regulación dos usos que poidan dar lugar a risco de incendios forestais.
4. A normativa das comunidades autónomas determinará as modalidades para a redacción dos plans de defensa e poderá declarar de interese xeral os traballos incluídos naqueles, así como determinar, en cada caso, o carácter oneroso ou gratuíto da execución subsidiaria pola Administración.
5. Cando unha zona de alto risco estea englobada nun territorio que dispoña de PORF, este poderá te-la consideración de plan de defensa sempre e cando cumpra as condicións descritas no punto 3.
6. As infraestructuras, existentes ou de nova creación, incluídas nas zonas de alto risco de incendio terán unha servidume de uso para a súa utilización polos servicios de prevención e extinción de incendios.
Artigo 49. Cobertura de danos por incendios forestais.
1. A Administración xeral do Estado, a través do Consorcio de Compensación de Seguros, garantirá a cobertura de indemnizacións por accidente exclusivamente para as persoas que colaboren na extinción de incendios.
2. Promoverase o desenvolvemento e posta en marcha do seguro de incendios forestais no marco do previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados. Os propietarios que subscriban o seguro terán prioridade para se acoller ás subvencións previstas no artigo 64 desta lei.
Artigo 50. Restauración dos terreos forestais incendiados.
1. As comunidades autónomas deberán garanti-las condicións para a restauración da vexetación dos terreos forestais incendiados, quedando prohibido o cambio do uso forestal por razón do incendio. Igualmente, determinarán os prazos e procedementos para facer efectiva esta prohibición.
2. O órgano competente da comunidade autónoma fixará as medidas encamiñadas á retirada da madeira queimada e á restauración da cuberta vexetal afectada polos incendios que, en todo caso, incluirán o acoutamento temporal daqueles aproveitamentos ou actividades incompatibles coa súa rexeneración e, en particular, o pastoreo, por un prazo que deberá ser superior a un ano, salvo levantamento do acoutado por autorización expresa do devandito órgano.
3. O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo do previsto no capítulo II do título XVII da Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, mediante a que se aproba o Código penal.
CAPÍTULO IV
Sanidade e xenética forestal
Artigo 51. Marco xurídico da sanidade forestal.
Na prevención e loita contra as pragas forestais, no Rexistro de Productos Fitosanitarios que hai que utilizar nos montes e na introducción e circulación de plantas e productos forestais de importación, así como en calquera outro aspecto da sanidade forestal cumprirase o establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.
Artigo 52. Protección dos montes contra axentes nocivos.
1. Sen prexuízo do establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, a protección dos montes contra os axentes nocivos debe ser de carácter preventivo, mediante técnicas silvícolas adecuadas, utilización de axentes biolóxicos que impidan ou freen o incremento das poboacións de axentes nocivos e a aplicación de métodos de loita integrada.
2. As comunidades autónomas adoptarán as medidas necesarias de vixilancia, localización e extinción de focos incipientes de pragas, debendo informar ó respecto o órgano competente da Administración xeral do Estado por se se puidese ver afectada a sanidade xeral dos montes españois.
Artigo 53. Obrigas dos titulares dos montes.
En cumprimento do disposto na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, os titulares dos montes están obrigados a lles comunica-la aparición atípica de axentes nocivos ós órganos competentes das comunidades autónomas e a executar ou facilita-la realización das accións obrigatorias que estes determinen.
Artigo 54. Recursos xenéticos forestais.
1. OMinisterio de Medio Ambiente, en colaboración coas comunidades autónomas, elaborará e desenvolverá programas de ámbito nacional que promovan a mellora xenética e a conservación dos recursos xenéticos fo– restais.
2. O Goberno, consultadas as comunidades autónomas, establecerá as normas básicas sobre producción, utilización e comercialización dos materiais forestais de reproducción por proposta conxunta dos ministerios de Medio Ambiente e de Agricultura, Pesca e Alimentación.
3. OMinisterio de Medio Ambiente, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e coas comunidades autónomas, determinará as rexións de procedencia dos materiais forestais de reproducción e, en particular, manterá o Rexistro e o Catálogo Nacional de Materiais de Base.
TÍTULO V
Investigación, formación, extensión e divulgación
CAPÍTULO I
Investigación forestal
Artigo 55. Investigación forestal.
1. A Administración xeral do Estado, a través dos plans nacionais de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, que establece a Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, identificará e incorporará nos seus programas de actuación as demandas de investigación forestal das administracións públicas e dos sectores productivos, así como os instrumentos necesarios para acada-los obxectivos propostos.
2. As administracións públicas fomentarán a investigación forestal e, en particular, promoverán:
a) A coordinación xeral da investigación forestal, establecendo os mecanismos necesarios para o mellor uso da totalidade dos recursos e medios dispoñibles, o intercambio de información, a constitución de redes temáticas permanentes de carácter nacional e internacional e a creación e mantemento de bases de datos harmonizadas.
b) A cooperación en materia forestal entre institutos, centros de investigación, centros tecnolóxicos e universidades, tanto públicos como privados, en particular a través do enlace en forma de redes dos distintos centros.
3. A información e resultados dos programas e proxectos de investigación executados con financiamento público que se requiran para elabora-la Estatística forestal española, referida no artigo 28, integraranse nesta. Con tal fin, as institucións investigadoras responsables proporcionaranlles esta información ó Ministerio de Medio Ambiente e ás comunidades autónomas.
Artigo 56. Redes temáticas, parcelas de seguimento e áreas de reserva.
1. A Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas cooperarán no establecemento, mantemento, financiamento e control das redes temáticas e parcelas de seguimento derivadas da normativa internacional, os seus respectivos plans forestais ou os plans nacionais de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.
2. Nosmontes de titularidade estatal ou autonómica poderanse establecer áreas de reserva non intervidas para o estudio da evolución natural dos montes. Este mesmo tipo de áreas poderase establecer en montes doutra titularidade, logo de acordo co seu propietario.
CAPÍTULO II
Formación e educación forestal
Artigo 57. Formación e divulgación forestal.
1. Co fin de contribuír ó desenvolvemento e promoción dos aspectos sociolaborais do sector forestal e ó fomento do emprego con especial atención ás poboacións rurais, a Administración xeral do Estado, en colaboración coas comunidades autónomas e os axentes sociais representativos, promoverá a elaboración de plans de formación e emprego do sector forestal, incluíndo medidas relativas á prevención de riscos laborais.
2. Así mesmo, a Administración xeral do Estado cooperará coas comunidades autónomas e os axentes sociais representativos no establecemento de programas de divulgación que traten de dar a coñece-la transcendencia que ten para a sociedade a existencia dos montes e a súa xestión sustentable, e a importancia dos seus productos como recursos naturais renovables.
3. Igualmente, as administracións públicas fomentarán o coñecemento dos principios básicos da silvicultura entre os propietarios privados dos montes e os traballadores forestais. Nos labores de formación fomentarase a participación das asociacións profesionais do sector.
Artigo 58. Extensión e gardería forestal.
1. As administracións públicas, no ámbito das súas competencias, deberán desempeñar, entre outras, as seguintes funcións de extensión e gardería forestal:
a) De policía forestal e de conservación da natureza, en particular, as de prevención, detección e investigación de incendios forestais e axentes nocivos.
b) De asesoramento facultativo en tarefas de extensión e xestión forestal e de conservación da natureza. Os profesionais que realicen estas funcións contarán coa formación específica que os capacite para o seu correcto desenvolvemento.
2. Para fomenta-los labores citados no punto 1.b) deste artigo, a Administración forestal poderá establecer acordos cos axentes sociais representativos.
3. As actas de inspección e denuncia realizadas polos axentes forestais no exercicio das súas funcións, como documentos públicos, terán valor probatorio respecto dos feitos reflectidos nelas.
Artigo 59. Educación forestal.
As administracións públicas promoverán programas de educación, divulgación e sensibilización relativos ós obxectivos desta lei, que estarán dirixidos ós integrantes do sistema educativo.
TÍTULO VI
Fomento forestal
CAPÍTULO I
Defensa dos intereses forestais
Artigo 60. Fundacións e asociacións de carácter forestal.
As administracións públicas promoverán activamente as fundacións, asociacións e cooperativas de iniciativa social, existentes ou de nova creación, que teñan por obxecto as materias que se tratan nesta lei e, en particular, a xestión sustentable e multifuncional dos montes, e que poidan colaborar coa Administración no exercicio das súas competencias.
CAPÍTULO II
Empresas forestais
Artigo 61. Cooperativas, empresas e industrias forestais.
1. As comunidades autónomas levarán un rexistro de cooperativas, empresas e industrias forestais, tanto das empresas que realizan traballos forestais nos montes como das industrias forestais, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel e cortiza. As comunidades autónomas deberán manter informada a Administración xeral do Estado sobre o devandito rexistro.
2. As cooperativas, empresas e industrias forestais facilitaranlles anualmente ás comunidades autónomas, para efectos estatísticos, os datos relativos á súa actividade, en particular, a producción, transformación e comercialización dos seus productos forestais. Esta información integraranse na Estatística forestal española, a través de mecanismos de colaboración entre oMinisterio de Medio Ambiente e os demais órganos das administracións competentes.
Artigo 62. Organización interprofesional de productos forestais.
O estatuto xurídico das organizacións interprofesionais dos productos forestais será o establecido na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias, e a normativa autonómica sobre a materia.
CAPÍTULO III
Incentivos económicos en montes ordenados
Artigo 63. Disposicións xerais.
1. Os incentivos recollidos nos artigos 64 a 66 seguintes aplicaranse a montes ordenados de propietarios privados e de entidades locais. Os montes protectores e os catalogados e, en particular, aqueles en espacios naturais protexidos ou na Rede Natura 2000 terán preferencia no outorgamento destes incentivos.
2. Os montes non ordenados incluídos nun PORF poderán acceder ós incentivos cando así se habilite no devandito plan.
3. No acceso ás subvencións para a prevención contra incendios forestais terán prioridade os montes que se encontren situados nunha zona de alto risco de incendio cun plan de defensa contra incendios vixente, de acordo co artigo 48.
Artigo 64. Subvencións.
Poderán ser obxecto de subvención, nos termos fixados nas respectivas convocatorias, as actividades vinculadas á xestión forestal sustentable.
Artigo 65. Incentivos polas externalidades ambientais.
1. As administracións públicas regularán os mecanismos e as condicións para incentiva-las externalidades positivas dos montes ordenados.
2. Para estes incentivos teranse en conta, entre outros, os seguintes factores:
a) A conservación, restauración e mellora da biodiversidade e da paisaxe en función das medidas especificamente adoptadas para tal fin.
b) A fixación de dióxido de carbono nos montes como medida de contribución á mitigación do cambio climático, en función da cantidade de carbono fixada na biomasa forestal do monte, así como da valorización enerxética dos residuos forestais.
c) A conservación dos solos e do réxime hidrolóxico nos montes como medida de loita contra a desertificación, en función do grao en que a cuberta vexetal e as prácticas silvícolas contribúan a reduci-la perda ou degradación do solo e dos recursos hídricos superficiais e subterráneos.
3. As administracións públicas poderán achegar estes incentivos polas seguintes vías:
a) Subvención ó propietario dos traballos dirixidos á xestión forestal sustentable.
b) Establecemento dunha relación contractual co propietario.
c) Investimento directo pola Administración. Artigo 66. Créditos.
De acordo coa normativa da Unión Europea, as administracións públicas fomentarán a creación de liñas de crédito bonificadas para financia-los investimentos forestais. Estes créditos poderán ser compatibles coas subvencións e incentivos.
TÍTULO VII
Réxime sancionador
CAPÍTULO I
Infraccións
Artigo 67. Tipificación das infraccións.
Para os efectos desta lei, e sen prexuízo do que dispoña ó respecto a lexislación autonómica, considéranse infraccións administrativas as seguintes:
a) O cambio de uso forestal sen autorización.
b) A utilización de montes de dominio público sen a correspondente concesión ou autorización para aqueles usos que a requiran.
c) A queima, arrinca ou inutilización de exemplares arbóreos de especies forestais, salvo casos excepcionais autorizados ou de intervención administrativa, xustificados por razóns de xestión do monte.
d) O emprego de lume nos montes e áreas estremeiras nas condicións, épocas, lugares ou para actividades non autorizadas.
e) O incumprimento das disposicións que regulen o uso do lume dictadas en materia de prevención e extinción de incendios forestais.
f) A modificación substancial da cuberta vexetal do monte sen a correspondente autorización.
g) A forestación ou reforestación con materiais de reproducción expresamente prohibidos.
h) A realización de aproveitamentos forestais sen autorización administrativa ou, se é o caso, notificación do titular e, en xeral, a realización de calquera actividade non autorizada ou notificada, cando tales requisitos sexan obrigatorios.
i) A realización de vías de saca, pistas, camiños ou calquera outra obra cando non estea prevista nos correspondentes proxectos de ordenación ou plans dasocráticos de montes ou, se é o caso, PORF, ou sen estar expresamente autorizada polo órgano forestal da comunidade autónoma.
j) O pastoreo nos montes onde se encontre prohibido ou se realice en violación das normas establecidas para o efecto polo órgano forestal da comunidade autónoma.
k) O tránsito ou a permanencia en camiños ou zonas forestais onde exista prohibición expresa en tal sentido.
l) Calquera incumprimento grave que afecte o normal desenvolvemento do monte, do contido dos proxectos de ordenación de montes, plans dasocráticos de montes ou plans de aproveitamentos, así como as súas correspondentes autorizacións, sen causa técnica xustificada e notificada ó órgano forestal da comunidade autónoma para a súa aprobación.
m) O incumprimento das disposicións encamiñadas á restauración e reparación dos danos ocasionados ós montes e, en particular, os ocasionados por accións tipificadas como infracción, así como das medidas cautelares dictadas para o efecto.
n) A vertedura non autorizada de residuos en terreos forestais.
ñ) A alteración dos sinais e marcos que delimitan os montes públicos deslindados.
o) A obstrucción por acción ou omisión das actuacións de investigación, inspección e control das administracións públicas e dos seus axentes, en relación coas disposicións desta lei e das súas normas de desenvolvemento. p) O incumprimento das obrigas de información á Administración por parte dos particulares.
q) O incumprimento, total ou parcial, doutras obrigas ou prohibicións establecidas nesta lei.
Artigo 68. Clasificación das infraccións.
1. Son infraccións moi graves:
a) As infraccións tipificadas nas alíneas a) a n) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción lle causasen ó monte danos o prazo de reparación ou restauración dos cales sexa superior a 10 anos.
b) A infracción tipificada na alínea ñ) do artigo anterior, cando a alteración de sinais e marcos impida a determinación sobre o terreo dos lindes legalmente establecidos.
2. Son infraccións graves:
a) As infraccións tipificadas nas alíneas a) a n) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción lle causasen ó monte danos o prazo de reparación ou restauración dos cales sexa inferior a 10 anos e superior a seis meses.
b) A infracción tipificada na alínea ñ) do artigo anterior, cando a alteración de sinais e marcos non impida a identificación dos límites reais do monte público deslindado.
c) A infracción tipificada na alínea o) do artigo anterior.
3. Son infraccións leves:
a) As infraccións tipificadas nas alíneas a) a n) do artigo anterior, cando os feitos constitutivos da infracción non lle causasen danos ó monte ou cando, habendo dano, o prazo para a súa reparación ou restauración non exceda de seis meses.
b) As infraccións tipificadas nas alíneas p) e q) do artigo anterior.
Artigo 69. Medidas cautelares.
A Administración competente, ou os seus axentes da autoridade, poderán adopta-las medidas de carácter provisional que estimen necesarias, incluíndo o comiso, para evita-la continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora.
Ó inicio do procedemento e de acordo coa lexislación aplicable en cada caso, a Administración competente deberá ratificar tales medidas. Así mesmo, poderá impor novas medidas cautelares para asegura-la eficacia da resolución final que puidese recaer.
Artigo 70. Responsables das infraccións.
1. Serán responsables das infraccións previstas nesta lei as persoas físicas ou xurídicas que incorran naquelas e, en particular, a persoa que directamente realice a actividade infractora ou a que ordene a devandita actividade cando o executor teña con aquela unha relación contractual ou de feito, sempre que se demostre a súa dependencia do ordenante.
2. Cando non sexa posible determina-lo grao de participación das distintas persoas que interviñesen na realización dunha infracción, a responsabilidade será solidaria, sen prexuízo do dereito a repetir fronte ós demais participantes, por parte daquel ou aqueles que lles fixesen fronte ás responsabilidades.
Artigo 71. Prescrición das infraccións.
1. O prazo de prescrición das infraccións será de cinco anos para as moi graves, tres anos para as graves e un ano para as leves.
2. O prazo de prescrición comezará a contar a partir da data en que a infracción se cometese.
3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, continuándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante un mes por causa non imputable ó presunto responsable.
Artigo 72. Responsabilidade penal.
1. Cando a infracción puidese ser constitutiva de delicto ou falta, a Administración instructora porao en coñecemento do órgano xurisdiccional competente, suspendéndose a tramitación do procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dictase sentencia firme ou resolución que poña fin ó proceso.
2. A sanción penal excluirá a imposición de sanción administrativa nos casos en que se aprecie a identidade do suxeito, do feito e do fundamento. De non se ter estimada a existencia de delicto ou falta, o órgano competente continuará, se é o caso, o expediente sancionador tendo en conta os feitos declarados probados na resolución firme do órgano xudicial competente.
CAPÍTULO II
Sancións
Artigo 73. Potestade sancionadora.
1. A sanción das infraccións corresponderalle, agás o disposto no punto 2, ó órgano da comunidade autónoma que teña atribuída a competencia en cada caso.
2. Compételle á Administración xeral do Estado a imposición de sancións naqueles supostos en que a infracción administrativa recaese en ámbito e sobre materias da súa competencia.
Artigo 74. Clasificación.
As infraccións tipificadas neste título serán sancionadas coas seguintes multas:
a) As infraccións leves, con multa de 100 a 1.000 euros.
b) As infraccións graves, con multa de 1.001 a 100.000 euros.
c) As infraccións moi graves, con multa de 100.001 a 1.000.000 de euros.
Artigo 75. Proporcionalidade.
Dentro dos límites establecidos no artigo anterior, as sancións imporanse atendendo ás circunstancias do responsable:
a) Intensidade do dano causado.
b) Grao de culpa.
c) Reincidencia.
d) Beneficio económico obtido polo infractor.
Artigo 76. Reducción da sanción.
Poderase reduci-la sanción ou a súa contía, sempre e cando o infractor procedese a corrixi-la situación creada pola comisión da infracción no prazo que se sinale no correspondente requirimento.
Artigo 77. Reparación do dano e indemnización.
1. Sen prexuízo das sancións penais ou administrativas que en cada caso procedan, o infractor deberá repara-lo dano causado na forma e condicións fixadas polo órgano sancionador. Esta obriga é imprescritible en caso de danos ó dominio público forestal.
2. A reparación terá como obxectivo a restauración do monte ou ecosistema forestal danado á situación previa ós feitos constitutivos da infracción sancionada. Cando a reparación non sexa posible, a Administración poderá requiri-la indemnización correspondente.
3. Poderase requirir así mesmo indemnización nos casos en que o beneficio económico do infractor sexa superior á máxima sanción prevista. Esta indemnización será como máximo do dobre da contía do devandito beneficio.
4. Os danos ocasionados ó monte e o prazo para a súa reparación ou restauración determinaranse segundo criterio técnico debidamente motivado na resolución sancionadora.
Artigo 78. Multas coercitivas e execución subsidiaria.
1. Se os infractores non procedesen á reparación ou indemnización, de acordo co establecido no artigo 77, e unha vez transcorrido o prazo sinalado no requirimento correspondente, a Administración instructora poderá acorda-la imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.
2. As multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumpri-lo ordenado, e a contía de cada unha das devanditas multas non superará o 20 por cento da multa fixada pola infracción cometida.
3. A execución pola Administración da reparación ordenada será por conta do infractor.
Artigo 79. Comiso.
A Administración competente poderá acorda-lo comiso tanto dos productos forestais ilegalmente obtidos coma dos instrumentos e medios utilizados na comisión da infracción.
Artigo 80. Prescrición das sancións.
1. As sancións impostas pola comisión de faltas moi graves prescribirán ós tres anos, mentres que as impostas por faltas graves ou leves o farán ós dous anos e ó ano, respectivamente.
2. O prazo de prescrición das sancións comezará a se contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.
3. Interromperá a prescrición, a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, volvendo transcorre-lo prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó infractor.
Disposición adicional primeira. Consorcios e convenios de repoboación.
1. Os consorcios e convenios de repoboación amparados pola lexislación que se derroga na disposición derrogatoria única desta lei continuarán vixentes ata a data da súa finalización.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as comunidades autónomas poderán substituí-los consorcios e convenios de repoboación subscritos entre a Administración forestal e os propietarios de montes por outras figuras contractuais en que non sería esixible unha compensación económica a favor da Administración ou condona-la súa débeda, sempre que se conte co acordo dos propietarios e que concorra algunha das seguintes condicións:
a) Que os beneficios indirectos e o interese social que xere o mantemento da cuberta vexetal superen os das rendas directas do monte.
b) Que o propietario do solo se comprometa a conservar adecuadamente a masa forestal creada por aqueles consorcios ou convenios mediante a aplicación dun instrumento de xestión.
c) Aqueloutras que fixe a comunidade autónoma.
Disposición adicional segunda. Réximes especiais.
1. Os montes do Estado que pertencen ó dominio público por afectación ó Patrimonio Nacional réxense pola súa lexislación específica, séndolles de aplicación o disposto nesta lei cando iso non sexa contrario ós fins a que foron afectados.
2. No territorio forestal do dominio público forestal de titularidade estatal adscrito ó Ministerio de Defensa, así como nas zonas de interese para a defensa e naqueles territorios en que o Ministerio de Defensa desenvolva actividades en virtude de calquera título xurídico, a aplicación do disposto nesta lei estará subordinada ós fins da defensa nacional.
En particular, nestes territorios a defensa contra incendios forestais será responsabilidade do Ministerio de Defensa, co asesoramento técnico do Ministerio de Medio Ambiente.
3. O territorio forestal de titularidade estatal incluído nos parques nacionais adminístrase no réxime de coxestión establecido na Lei 41/1997, do 5 de novembro, pola que se modifica a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres.
Disposición adicional terceira. Participación forestal na declaración de espacios naturais protexidos.
No procedemento de declaración de montes como espacios naturais protexidos será preceptiva a participación do órgano forestal da comunidade autónoma cando este sexa distinto do órgano declarante.
Disposición adicional cuarta. Uso enerxético da biomasa forestal residual.
O Goberno elaborará, en colaboración coas comunidades autónomas, unha estratexia para o desenvolvemento do uso enerxético da biomasa forestal residual, de acordo cos obxectivos indicados no Plan de Fomento das Enerxías Renovables en España.
Disposición adicional quinta. Sociedades de propietarios forestais.
O Goberno remitiralles ás Cortes Xerais no prazo de dous anos desde a aprobación desta lei unha proposta de modificación da lexislación de sociedades que incorpore unha nova figura que se adecue ás especificidades forestais.
Disposición adicional sexta. Administracións públicas competentes.
A referencia que se fai no texto desta lei ás comunidades autónomas entenderase que inclúe tamén as cidades de Ceuta e Melilla e, se é o caso, os órganos forais dos territorios históricos do País Vasco e os cabidos e consellos insulares e outras entidades locais con competencias en materia forestal, recoñecidas na normativa autonómica.
Disposición adicional sétima. Cambio climático.
As administracións públicas elaborarán, no ámbito do Convenio Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático, un estudio sobre as necesidades de adaptación do territorio forestal español ó cambio climático, incluíndo unha análise dos métodos de ordenación e tratamentos silvícolas máis adecuados para a devandita adaptación.
Disposición adicional oitava. Ocupacións en montes de dominio público forestal por razóns da defensa nacional.
1. Poderase establecer dereito de paso e autorizarse ocupacións temporais en montes do dominio público forestal, motivadas por interese da defensa nacional, conforme o procedemento e prazos que regulamentariamente se determinen.
2. En caso de