A superficie forestal, cunha extensión mínima de 15 hectáreas , que vén obrigada a manter un instrumento de xestión forestal específico e unha rede de infraestruturas preventivas básicas, que será obxecto de priorización nas accións de fomento forestal.
A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza crea as Uxfor. É un novo modelo de xestión conxunta da propiedade forestal, tanto en materia de prevención de incendios como de produción, ambiental, ou calquera outro aspecto que lle afecte ao eido forestal.
2. Que é a Entidade de Xestión da Uxfor?
É unha organización encargada de xestionar a Uxfor, que ten natureza administrativa, personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos seus fins. Poderá adoptar calquera fórmula asociativa das admitidas en dereito
Estará formada polos órganos que se determinen nos seus estatutos, que como mínimo serán unha asemblea xeral, formada por todos os propietarios e órgano supremo de expresión da vontade da Uxfor, e unha xunta reitora, que é o órgano reitor da entidade de xestión.
3. Que é a comisión promotora da Uxfor?
É o conxunto das persoas propietarias de terreos forestais que, xunto a outras persoas ou entidades públicas ou privadas non propietarias, asumen inicialmente o papel de xestoras e impulsan a creación das Uxfor.
4. Que é a reorganización da propiedade forestal?
É a ordenación da xestión da superficie forestal establecida aos efectos de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo. Esta reorganización poderá ser temporal consonte ao que estableza o instrumento de xestión forestal específico.
Nesta reorganización asígnanselles os usos e servidumes definidos no instrumento de xestión forestal específico (plantacións proxectadas, cortalumes, puntos de auga, parcelas sen arborado...) a cada parcela. Estas limitacións terán un carácter temporal mentres dure a Uxfor.
5. Que é a regularización das teselas?
A normalización e definición de determinadas superficies ou recintos con base a criterios que garantan a defensa contra os incendios, o seu planeamento preventivo e a ordenación dos montes por medio do Instrumento de Xestión Forestal Específico.
Nesta regularización de teselas recóllense os novos usos que para cada parcela decidiron os propietarios, sempre de acordo coa lexislación vixente, tanto en materia forestal como de prevención de incendios ou calquera outra.
Coa súa aprobación maniféstase o acordo e o compromiso efectivo, dos membros da Uxfor, co cumprimento do previsto no IXFE e con todas as obrigas e dereitos derivadas desta nova organización da xestión da propiedade.
6. Que é o Instrumento de Xestión Forestal Específico (IXFE) ?
É o documento que, dende o punto de vista técnico, regula a xestión da Uxfor. Conterá como mínimo un plan técnico de xestión e un Plan de defensa contra os incendios forestais e, en función das concretas necesidades da Uxfor, poderá incluír outros plans específicos.