PREGUNTAS DE INTERESE SOBRE AS UNIDADES DE XESTIÓN FORESTAL (UXFOR)
1. Canta superficie precisamos reunir se queremos constituír unha Uxfor? Subir

É preciso contar como mínimo cunha superficie contigua de terreo forestal dunha extensión de máis de 15 hectáreas.

2. Cantas persoas fan falta para a creación dunha Uxfor? Subir

Para iniciar o proceso de creación requírese un mínimo de dúas persoas. É preciso que o número de persoas propietarias promotoras, representen máis do 50% dunha superficie forestal contigua cunha extensión mínima de 15 ha.

3. Quen forma parte da comisión promotora? Subir

Forman parte da comisión promotora todas as persoas propietarias de terreos forestais incluídas no perímetro da Uxfor proposta.

Xunto a elas os propietarios poden incluír calquera outra persoa ou entidade pública ou privada que consideren oportuno, con voz pero sen voto.

4. Como e cando se crea unha Uxfor de oficio? Subir

Para protexer infraestruturas, vías de comunicación, núcleos de poboación ou elementos de especial interese, e sempre segundo o previsto no plan de defensa contra incendios forestais de distrito a Xunta de Galicia pode crear unha Uxfor de oficio.

A Uxfor crearase por decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia a proposta da consellería competente en materia forestal.

Neste caso a consellería competente en materia forestal asumiría as funcións que se lle atribúen á comisión promotora.