Segundo os criterios e necesidades dos propietarios a través dun plan técnico, o instrumento de xestión forestal específico (IXFE).
2. Que é un instrumento de xestión forestal específico (IXFE)?
É o documento técnico e normativo propio de cada unidade de xestión, de obrigado cumprimento, no que se recollen os obxectivos de valorización forestal e de defensa contra incendios forestais da Uxfor, detallando cronoloxicamente as accións a desenvolver e as infraestruturas básicas a executar.
3. Quen ten que facer o instrumento de xestión forestal?
Ten que ser redactado por un profesional forestal con titulación universitaria, pero a obriga de presentalo é da propia Uxfor en constitución. Os técnicos redactarano de acordo a criterios técnicos, recollendo a vontade da entidade de xestión, e respectando as medidas legais.
4. Poderei sacar leña das miñas parcelas ou levar gando a elas?
Si. A Uxfor está aberta a todos os usos posibles. Estes usos e aproveitamentos que se fagan dentro deberán estar recollidos no instrumento de xestión forestal específico da Uxfor.
5. Pódese dedicar o terreo forestal para usos distintos da produción de madeira?
Si. A diversificación dos usos e aproveitamentos é unha excelente ferramenta de xestión do monte. Son os propietarios os que fixan as orientacións produtivas dunha Uxfor, dentro do marco do instrumento de xestión forestal específico que a regula.
Unha Uxfor non se limitará á produción de madeira, senón que se adaptará as capacidades e necesidades propias de cada situación concreta, podendo dispor outros usos económicos, ambientais ou sociais do monte.
6. Que pasa se na miña parcela hai árbores, teño que cortalas para entrar na Uxfor?
Non. Para a creación dunha Uxfor non é preciso cortar todo e empezar de cero. No instrumento de xestión forestal específico recollerase a situación inicial de cada parcela, avaliando cando se debe cortar o arborado existente, ou se é conveniente deixalo, para cumprir cos obxectivos marcados.
7. Que pasa se na miña parcela hai árbores e noutras non hai nada, hai algún sistema de compensación ao integralas na Uxfor?
Estas árbores formarán parte da achega á Uxfor, polo que se fará unha valoración, e nos estatutos fixarase a forma de compensación.