1. Podemos
adiantar dalgún xeito as rendas que nos dá o monte?
Ao estar no seo dunha Uxfor, os propietarios contan cunha ferramenta de
planificación e xestión que ofrece estabilidade cara ao futuro,
o que axudará a poder chegar a acordos con empresas do sector e entidades
de investimento e crédito, para poder adiantar as rendas de acordo
a unha produción futura.
2. Como se financia unha
Uxfor?
O peto común é o instrumento de financiamento da Uxfor. A
xunta reitora da Uxfor constituirá un peto común para financiar
as accións da Uxfor na execución dos plans e no desenvolvemento
dos seus obxectivos.
Os ingresos do peto común procederán:
- Das cotas das persoas propietarias acordadas consonte co procedemento
previsto nos estatutos.
- Dunha porcentaxe dos beneficios obtidos nas actividades desenvolvidas
no seo da Uxfor, segundo o disposto e ao abeiro dos seus estatutos.
- Dos beneficios derivados da xestión de terreos de propiedade
descoñecida incluídos na Uxfor.
- Dos ingresos procedentes de convenios ou contratos subscritos con entidades
públicas ou privadas.
- Subvencións e outros ingresos e achegas de dereito público
que poida percibir consonte a dereito.
- Doazóns, legados, herdanzas e outros ingresos e achegas de dereito
privado que poida recibir consonte dereito.